Actrices e actores esixen á Xunta un plan de rescate
A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), de carácter sindical e que reúne máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, fai público este chamamento "urxente" e solicita, tamén, axudas directas para os traballadores e traballadoras que representa.
“A evolución da pandemia e as medidas restritivas sanitarias lévannos a un punto no que se fai inviábel a actividade escénica”, explican desde a AAAG, que tamén comentan que esta situación “imposibilita as opcións das profesionais dos espectáculos ao vivo de gañar o seu sustento”.
Por iso reclaman que a Consellaría de Cultura e mais a de Emprego e Igualdade traballen conxuntamente nun plan específico para o sector.
Desde a Asociación destacan no seu comunicado que “cómpre lembrar que esta nova parálise chega tras xa case un ano de suspensións, adiamentos e incertezas”.
E o feito é que, tendo en conta só aquelas funcións que se contratan a través da Rede Galescena, que xestiona a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) achegándolle aos teatros e auditorios parte do caché das compañías e grupos, nestas próximas tres semanas vanse ver canceladas ou adiadas máis dunha trintena de funcións.
Neste senso, a AAAG engade que “falamos dun grupo de traballadoras cunha serie de particularidades que as converten nun segmento de gran vulnerabilidade laboral por mor da estacionalidade, da intermitencia e da singularidade na contratación por días de funcións e gravacións”.
Unha serie de peculiaridades que dificultan o acceso destas persoas traballadoras ás prestacións habituais, “que penalizan a precariedade”, din desde a asociación sindical.
Até o de agora, a Xunta centrou a súa intervención fronte a crise xerada pola Covid-19 nun Plan de reactivación dirixido ás empresas e “obviou por completo a posibilidade de lle dar cobertura e protección a persoal traballador do sector”.
Ademais, o proxecto centrábase na exhibición e distribución, "ignorando os adiamentos e as suspensións polos gromos que se foron sucedendo desde o mes de agosto até a nova parálise da actividade”, recalcan.