Entre a realidade e a ficción: o accidente que vestiu todo un pobo

Luís García Mañá e Celso Ferreira na aldea de Vilar. (Foto: Brais Lorenzo)
Un municipio de 650 habitantes gardou durante décadas unha lenda entre a ficción e a realidade. Era a historia que Aurora Mañá, mestra e costureira en Calvos de Randín, lles contaba aos netos: Na madrugada do 22 de febreiro de 1944, as veciñas e os veciños espertaran cos estalidos que viñan da montaña. O primeiro que pensaron foi nunha invasión. Pero non, acababa de estrelarse o avión "do Morgan".

Era unha zona especialmente deprimida de Galiza polo seu illamento. Estaba xusto na fronteira con Portugal, nunha contorna natural distinta, e na que a cultura oral fora pasando dun xeito ancestralmente antigo. Eran 19 irmás na casa do tío Adelino. Del dicían na aldea, con moita retranca, que tiña unha "granxa de nenos". Había tantos cativos, que asomaban entre os barrotes do corredor.

Eran pobres. Pero ela tiña unha especial querenza pola cultura. Estudou e andou emigrada polo Estado español para sacar adiante a familia. Gustáballe ler e chegou a ser a mestra, pero tamén era costureira. Aurora Mañá naceu en 1914 e criou os netos a base de contos. Ás veces evocábaos de memoria e outras, tiraba do seu caixón de xastre para imprimir veracidade ao relato.

Máis de tres décadas despois, Iago García aínda evoca con claridade un botón. Un entre un millón dos que a avoa Aurora gardaba naquel caixón. Era metálico, e ela dicía que saíra "do avión do Morgan". Fora unha noite de inverno. A aldea enteira espertara sobresaltada por un golpe fondo que fixo retumbar a montaña. Sucedéronse os estalidos. Viñan da fronteira. As explosións comezaron a repicar no cumio. A noite era extremadamente fría e pensaron "que os estaban invadindo os portugueses". Pero todos eran coñecedores daquela terra, dos seus recunchos fronteirizos e as súas calamidades. Co primeiro raio de sol, comezaron a subir cara á montaña, con dous metros de neve, nun dos invernos máis duros que se lembran xamais.

Cando chegaron ao alto de Cabeza de Monteagudo, na serra da Pena, o primeiro que viron foron os restos dun avión. Iso, e varios cadáveres, entre queimados e conxelados. A nave estivera ardendo durante unhas oito horas toda a noite, estourando sen parar. Era un avión militar e levaba munición a bordo. Á sucesión de acontecementos que se desencadearan aquela noite, non obstante, aínda tardarían décadas en darlles resposta.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario desta sexta feira, 3 de abril. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]