A Academia Galega de Belas Artes recibe Francisco Javier Expósito Paradela como novo académico de honra
É o fundador do Museo do Gravado, que está en Artes (Ribeira) , un museo “contemporáneo, vivo e dinámico”.
O coleccionista e mecenas de arte gráfica, fundador do Museo do Gravado e da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Francisco Javier Expósito Paradela (Noia, 1948), ingresou este sábado na Real Academia Galega de Belas Artes, nun acto celebrado no Auditorio Municipal de Ribeira (Barnbaza), como académico de honra da institución trala lectura do seu discurso “Un museo no mundo rural. Museo do Gravado de Artes”.
Ademais do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e outros académicos da organización, asistiron ao evento autoridades como o conselleiro de Cultura, José López Campos; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Ribeira, Luís Antonio Pérez; o alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo; a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o alcalde de Noia, Santiago Freire; a alcaldesa de Muros, María Lago; o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; ademais de varios exalcaldes de Ribeira e Boiro e distintas personalidades do mundo académico e cultural.
Manuel Quintana Martelo louvou o labor de Francisco Javier Expósito Paradela en prol das artes da imaxe, o gravado e a estampación dixital desde o lugar de Artes, co desenvolvemento dun “centro en plena actividade que non ten parangón, e está no máximo expoñente dentro do panorama nacional”, xunto ao Museo de Grabado Español Contemporáneo de Marbella e a institución Calcografía Nacional que sinalou que compoñen unha tríade imprescindible para ver, entender e amosar o que significa a estampación.
“A incorporación de Expósito a esta centenaria institución é un activo que contribuirá a aumentar o noso percorrido e a ennobrecer unha Academia que está sempre a prol da protección, divulgación, recuperación e conservación do noso país”, agregou.
Expósito Paradela, nunha emocionada exposición, relatou as orixes e o actual estado do Museo do Gravado, situado na parroquia ribeirense de Artes, que xurdiu grazas a súa paixón por coleccionar libros antigos de gran valor polos seus textos, ilustracións e gravados. “Hai medio século iniciei a colección de libros en librarías de Cádiz e de Madrid, na Cuesta Moyano, na rúa Huertas e no barrio das Letras, e tamén na Libraría Posadas en Bruxelas, na Portobello en Londres ou noutras de París, Bruxas, Ámsterdam ou Bos Airtes”, sinalou.
Todos estes lugares forman parte da historia de Expósito co coleccionismo de libros que se estendeu ás imaxes e estampas dos libros e finalmente desembocou no coleccionismo de obra gráfica, gravado ou obra múltiple. “O gravado, aínda na súa forma máis sinxela de representación, como a xilografía ou a impresión en releve, ten algo estético diferenciador de medios directos como o debuxo ou a pintura, máis alá da súa capacidade de repetir as imaxes”, confesou.
Ante a cantidade de obras coleccionadas, Expósito explicou como decidiu crear un museo especializado en obra gráfica, asesorado polo catedrático de Historia da Arte, José María González de Zárate que catalogou os primeiros fondos. “A idea de crear un museo era perfecta para manter a colección unida e posibilitar que no medio rural da Galiza se creara unha institución destas características, financiado unicamente con aporte familiar. Sería un contedor dos libros e estampas coleccionadas e á vez serviría para mostralas en salas expositivas, ata converterse tamén nun museo de exposicións temporais de obra gráfica en colaboración con outras entidades co importante obxectivo de potenciar o mundo do gravado e atraer visitantes permanentemente. Concibiuse así un museo do gravado contemporáneo, vivo e dinámico”.
Após a creación do padroado da Fundación e a inauguración da pinacoteca en xullo de 2001, Expósito narrou os inicios do museo que dispón nos seus fondos de coleccións dos máis destacados mestres do gravado antigo e contemporáneo, configurando así “a primeira institución destas características do Estado español”.
O novo académico de honra sinalou que o museo centra o seu obxectivo na colección, estudio, difusión da arte gráfica desde as súas orixes aos nosos días, con obras que van desde o século XV, até a actualidade.