A Academia celebrará a sesión do Día das Letras Galegas 2025 en Malpica

Damián Varela, Ana Boullón, Víctor F. Freixanes e Alba López Álvarez. (Foto: RAG)
Ana Boullón, Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero pronunciarán as tres alocucións académicas do encontro,

A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens, nas que personifica este 17 de maio que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía).

Durante o pleno, pronunciaranse as alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A parte musical contará coas Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada desde a modernidade.

Este será o segundo acto da RAG co gallo das Letras Galegas 2025, tras a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público infantil, no concello natal de Rosa e Adolfina. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizou o pasado mes de marzo a estrea da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira –autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática– e ilustrada por Nuria Díaz. A edición dixital do texto pode descargarse en primaveradasletras.gal, onde tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras.

A terceira gran cita das Letras deste 2025 terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral.