AC Morreu o Demo: "Os títeres eran unha fórmula para liberarse desa necesidade de berrar contra a inxustiza"

Unha das actuacións (Cedida)
A canle de Youtube da Asociación Cultural Morreu o Demo vén de incorporar as gravacións da mesa redonda que se realizou o pasado novembro no marco do Festival Titiriberia. Un encontro que reflexiona sobre o lugar que o títere tradicional ocupa no panorama galego dos monicreques. Tiramos do fío para coñecer máis polo miúdo este tipo de espectáculos tradicionais.  

Por que crear Titiriberia?

Creamos este festival coa intención de darlle visibilidade aos espectáculos de títeres con tradición na península Ibérica. A idea era mostrar que hai un fío común nestes espectáculos tradicionais, que hai un substrato que une todas as formas tradicionais de títeres de Europa e que na península Ibérica se visibilizan en figuras como poden ser Barriga Verde na Galiza, Os Robertos portugueses, O Pericu catalán...

Así como os intentos por recuperar os espectáculos de Don Cristóbal, que circulaban por distintos lugares de España e que xa a principios de século XX estaban esmorecendo -no espectáculo de homenaxe a don Cristóbal García Lorca conta no prólogo que os recorda de cando era pequeno, mais que xa estaban acabándose. 

Como era o espectáculo?

Eran espectáculos populares representados por fantocheiros, xente moi humilde que ía percorrendo as aldeas, as festas, as romarías... e alí armaban un pequeno teatriño onde facían a súa representación. Por iso seguramente non se considerou algo digno de ser prestixiado, de ser recuperado, e por iso nós reivindicamos o valor artístico destes espectáculos de cariz totalmente popular. Na Galiza o Barriga Verde é o que se vía nas feiras durante a época de primavera-verán ou outono, mais no inverno ía actuar ás aldeas, aos lugares peor comunicados.

Onde chegaban instalábanse nunha palleira, nun cabanón, e alí preparaban representacións, poñían cine, facían bailes... era unha forma, para eses lugares tan illados, de ter acceso a estes entretementos. A nós parécenos que é algo moi valioso que aínda perdura na memoria de persoas maiores e que deberiamos reivindicar como parte do noso patrimonio.

Cando se organiza o festival? 

Este festival faise no concello de Teo, co apoio da Deputación da Coruña. Procuramos levar unha mostra do que se está facendo entre titiriteiros e titiriteiras da península e de fóra. Aproveitamos a data do 11 de novembro, polo San Martiño, o día da feira tradicional, e alí montamos a barraca de Barriga Verde como lembra a veciñanza. Unha das cousas que se fai nese festival, para un público máis específico, son eses faladoiros coma os do vídeo que acabamos de publicar. Somos conscientes de que non é un espectáculo maioritario e por iso é necesario facer moito traballo de divulgación.

Ás técnicas de cultura, ás educadoras e demais debemos explicarlles que é unha forma que desenvolveron moitos pobos para liberarse desa necesidade de berrar contra a inxustiza. Vemos que ese está sendo o gran problema, os títeres deixaron de ser un espectáculo popular, que se representaba nas prazas, nas festas, nas aldeas... Cando na Galiza a familia Silvent deixa de facer a Barriga Verde, quen vén substituílo? Os espectáculos da falanxe, promovidos desde as autoridades da ditadura...

Como extrapolar a figura  do titiriteiro tradicional  ao panorama actual?

Agora as circunstancias son distintas, antes tratábase dun oficio que se transmitía de pais a fillos, as técnicas de manipulación dos títeres eran un segredo que só se lle transmitía a quen ía preservar a arte. Agora é unha profesión para a que os titiriteiros e titiriteiras se preparan acudindo a escolas, buscando mestras...

Mais pouco a pouco faise un caldo interesante para crear esta asociación cultural e xuntar todos os esforzos nunha mesma dirección. Desde aquela montamos unha exposición que contou con preto de 20.000 visitas, publicamos un catálogo, un DVD, material didáctico para escolas, obradoiros etc. A raíz disto foron xurdindo outras versións, coma as de Fantoches Baj; Títeres Alakrán, que montou un Barriga Verde bastante fiel ao tradicional; ou Larraitz, co espectáculo Dona Barriga Verde, unha versión en chave de xénero que bate contra as figuras de opresión masculinas.