A libraría feminista Lila partillará local con Ciranda, a nova libraría da AGAL

[Imaxe: Lila de Lilith]
Ambos proxectos ficarán ubicados no nº7 da rúa compostelá da Travesa. Así, para alén dos títulos habituais asinados por mulleres, estarán dispoñíbeis tamén as obras editadas por ATravés e Imperdível

 

A Lila de Lilith, única libraría feminista da Galiza e unha das poucas do Estado, partillará o seu local situado no número 7 da rúa compostelá da Travesa cun novo proxecto cultural tamén vinculado aos libros.

Trátase de Ciranda, a libraría ligada á Associaçom Galega da Língua AGAL e ás editoriais ATravés e Imperdível que abrirá as súas portas nun espazo diferenciado, que a Lila viña destinando até o de agora a actividades sociais e culturais con pegada de xénero.

Con todo, as presentacións de eventos e os cursos de formación non se deteñen. Moi ao contrario, ambos proxectos sumarán folgos para colocar aínda máis datas no calendario na procura "de máis fortaleza e estabilidade".

Na procura de soci@s: achegas mensais de 5€ que despois se trocan por libros

A Lila, unha aposta da educadora social Patricia Porto, fixo un ano no mes de outubro. Naceu ligada á asociación Lilith, que desenvolve proxectos de educación con perspectiva de xénero en centros de ensino e con grupos de mulleres. Durante eses doce primeiros meses de vida realizáronse máis de medio cento de actividades e o local ficou sempre pequeno perante a boa acollida que lle deu o público.

Recuperar a imaxe de mulleres descoñecidas que fixeron parte da historia da Galiza en xeral e do feminismo en particular é un dos obxectivos que persegue, ligado a outros como a estimulación do autocoñecemento a través da xoguetería erótica ou tuppersex de formación. Por suposto, a Lila tamén naceu para se rebelar: contra o desmantelamento das políticas de igualdade e o retroceso nos dereitos das mulleres.