A CIG maniféstase contra os despedimentos e a represión sindical no centro San Xerome

Concentración San Xerome

A CIG-Ensino reclama a readmisión das catro persoas despedidas e acusa ao centro de ensino San Xerome Emiliane de “represión sindical”. Convoca para hoxe 27 de xuño unha manifestación na Guarda ás 11.00 dentro da campaña de protesta polo despedimento. 

A CIG-Ensino esixe a readmisión das catro persoas despedidas o pasado 5 de abril do Centro San Xerome no que definen como represión sindical xa que se trata de persoas que interpuxeron demanda por conflito colectivo contra a empresa. Levan tres meses e máis de cincuenta concentracións de protesta alén doutras accións como a xuntanza cos alcaldes da comarca ou asembleas coa veciñanza. 

A sentenza xudicial resolveuse a favor d@s traballadoras e traballadores agora despedidos e, neste sentido, a CIG denuncia que o caso exemplifica a redución de dereitos laborais que están a padecer as persoas traballadoras do sector. A central sindical vén desenvolvendo tres meses continuados de accións reivindicativas que incluíron, entre outras, cincuenta concentracións á porta da empresa que, como denuncian, foron mesmo nalgunha ocasión gravados polo xerente do centro Feliciano Valcárcel. A directiva, por outra parte, non respondeu á petición de reunión e prohibiu a realización dunha asemblea co persoal do centro. 

A manifestación de hoxe día 27 sairá do centro San Xerome e percorrerá distintas rúas da Guarda ate rematar na Alameda. Contará coa presenza do secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao e o secretario comarcal da CIG en Vigo, Serafín Otero.