O 96,5% das autoras e autores exixe autorización para o uso das súas obras en intelixencia artificial xenerativa
Unha enquisa realizada no colectivo autorial (escritoras, tradutoras e autoras dramáticas) no Estado español revela que a inmensa maioría de profesionais considera imprescindíbel contar coa súa autorización antes de que as súas obras sexan utilizadas para adestrar modelos de intelixencia artificial xenerativa (IAX). O estudo foi coordinado por entidades autorais como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), xunto con outras asociacións integradas na Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores.
A consulta mostra un apoio contundente á necesidade de autorización previa para o uso de contidos protexidos. O 96,5% cre que ningún modelo de IA debería adestrarse con obras literarias, científicas ou de tradución sen o consentimento explícito das autoras. Ademais, o 49,9% rexeita completamente autorizar este tipo de usos, mentres que o 50,1% estaría disposta a consideralo, mais só en troco dunha remuneración acaída.
Entre quen se opón a autorizar o uso das obras, máis da metade (52,2%) argumenta que a aplicación de modelos de IAX socava o valor do traballo creativo. Outros motivos inclúen o impacto directo na actividade profesional (13,7%) e a falta de transparencia no uso das obras (12%). A falta de transparencia é, de feito, un dos grandes puntos de conflito. Para o 56,2% das participantes, garantir claridade en como e para que se usan os seus contidos sería clave para considerar a autorización.
Desde a AELG e as demais entidades promotoras, deféndese o principio de Autorización, Remuneración e Transparencia (ART), adoptado polo European Writers’ Council, como marco para o uso de obras protexidas. As organizacións lembran que as obras literarias e científicas están amparadas pola Lei de Propiedade Intelectual e as normativas europeas, e calquera uso debe respectar os dereitos das persoas creadoras.