CRONICA DE XURXO SOUTO DESDE PARDIÑAS

1994/2014 , XX anos de Bravú

Os Diplomáticos nos seus inicios

Desde Pardiñas, un dos festivais "bravús" do país, Xurxo Souto envíanos a súa crónica do nacemento do Bravú, hai xa vinte anos nunha taberna da aldea de Viana, en Chantada. Souto, un dos protagonistas, lembra aquela noite memorábel. 

“No verán o sistema é comer churrasco, no inverno o sistema é comer cocido”, palabras do dono de “El Caballero”, taberna farturenta da aldea de Viana, coñecida  por motivos obvios como “O Sistema”. Como era inverno, evidentemente, ceamos cocido. 

1 de novembro de 1994, vésperas do II Castañazo Rock. Convocados polos Rastreros aló chegamos: de Lourenzá os Skornabois, de Vimianzo os Impresentables, dende Ponteareas o Caimán do Río Tea, da Coruña os Papaqueixos, os Bochechiñas dende Vigo, de Monte-Alto os Diplomáticos. E até apareceu Manolo Rivas, un chisco tarde, pero con desculpa. Conforme aterrou o seu avión  transatlántico dende México, colleu dirección Chantada. 

"Convocados polos Rastreros aló chegamos: de Lourenzá os Skornabois, de Vimianzo os Impresentables, dende Ponteareas o Caimán do Río Tea, da Coruña os Papaqueixos, os Bochechiñas dende Vigo, de Monte-Alto os Diplomáticos"

Galiza estoupaba en rock &roll. Todos sabiamos de Negu Gorriak no País Vasco, ou de Mano Negra en París. Mais os Skornabois de Lourenzá non tiñan noticia dos Impresentables de Vimianzo, e viceversa. Afortunadamente os Rastreros decidiron superar tanta incomunicación.  

A carne prestou e nos brindes, mollada en licor café, agromou a palabra talismán  bravú. O cheiro da carne do monte, sen castrar. Metáfora do que queriamos facer, música do noso tempo mais cun cheiro definitivo do lugar  onde nacemos.

E aconteceu algo extraordinario. Inmediatamente houbo grupos “bravús”, grupos “anti-bravús”, grupos que eran e logo non foron, grupos que non eran e que logo viñeron a este retrouso.

Un brinde dun grupo de rapaces  que foi quen de incidir niso que se chama “cultura”. Un fato de xente nova reunidos , non nunha cafetería da Coruña, nunha asemblea de estudantes en Santiago, ou nun pub de Vigo, senón no entorno marabilloso da taberna do “Sistema”, a converter a aldea, por primeira vez,  no centro do mundo.

"Inmediatamente houbo grupos “bravús”, grupos “anti-bravús”, grupos que eran e logo non foron, grupos que non eran e que logo viñeron a este retrouso".

Insisto, un exemplo de esperanza dende a xente para mudar a realidade, tamén en materia de música. Por iso, vinte anos despois,  quero expresar a felicidade extrema que me deu o bravú. E sobre todo proclamar aquí, en Guitiriz,  a gratitude infinita que sinto polos homes e mulleres de Xermolos. Co seu esforzo crearon o mellor festival de Galiza. E ofrecéronolo xenerosos  para poder compartir este berro de tanta vida. 

Repítese o privilexio, este domingo Os Diplomáticos de Monte-Alto volvemos a Pardiñas. Soño cumprido. Agora si que se van celebrar en condicións os XX anos do bravú ! 

E de remate…-xa o dixo Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín- que continúe ! Só agardo que unha nova formada de rapazas e rapaces volvan xuntarse onde lles pete –e nomeadamente en Pardiñas-, decididos a deixar de ser espectadores, e converterse en verdadeiros protagonistas do seu tempo. Afortunadamente somos un pobo de artistas, e nesta fin do mundo temos paixón a eito –tamén no terceiro milenio-  para tronzar o Universo.

Paco Ja, xermolo redondo,  hai vinte anos escribiu:   

Fun a Parga e Guitiriz
Guitiriz e máis Teixeiro
Hoxe fun ano mundo enteiro !