"Arraianos" proxéctase no Festival Internacional de Vancouver

Rodaxe de Arraianos
O filme de Eloy Enciso, Arraianos, proxéctase hoxe día 12 no Festival Internacional de Cine de Vancouver. Arraianos estreárase no Festival de Locarno, en Suiza, un dos máis relevantes europeos.

A película de Eloy Enciso proxéctase o día 12 de outubro nun festival no que se recollen 380 traballos de 75 países o mundo. Arraianos inclúese no apartado “Cinema do noso tempo”  do Festival Internacional de Cine de Vancouver no que se proxecta o cinema máis anovador do noso tempo.

Eloy Enciso comezou este proxecto no que recolle a vida na Raia Seca hai cinco anos. A película ten feitura de documental pero inclúe tamén ficción a medio de actores e actrices afeccionados da mesma terra que se recrea na película.

Arraianos é un retrato próximo da vida e do tempo na Raia Seca. Así o ideou o seu director que reparou no primeiro momento na granxa familiar de Meira na que naceu e na que pasaba tempadas á hora de iniciar o seu segundo filme despois de apresentar en 2007 Pic-nic.

O espazo literario e histórico do Couto Mixto, a existencia dunha república independente entre Galiza e Portugal pareceulle a Enciso abondo atractiva como para afincar alí a súa película. O filme aínda non foi estreado na Galiza aínda que é de esperar que forme parte do programa de Cineuropa.