´Le Parc´ e ‘Estiu 1993’, premio do xurado e público no Novos Cinemas de Pontevedra

'Estiu 1993', premio do Público no Novos Cinemas.

Máis de 40 pezas audiovisuais na Edición 02 do Festival internacional de cinema de Pontevedra.

‘Le Parc’, de Damien Manivel, recibiu o premio do Xurado Oficial na Edición 02 do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas. A verdade coa que esta longametraxe retrata os primeiros encontros amorosos e a súa arriscada proposta narrativa fíxolle merecedor do galardón. O xurado oficial (composto por, Alejandra Trelles, Carlos Losilla e Nely Reguera), tamén decidiu concederlle unha mención a: ‘I Tempi Felici Verranno Presto’, de Alessandro Comodin.

                                         

‘Estiu 1993’ de Carla Simón recibiu o premio do Público de Novos Cinemas. Este galardón é en colaboración con Agadic como axuda á distribución, incluíndo o filme na rede de salas públicas para a exhibición cinematográfica “Cinemas de Galicia” impulsada pola Agadic e apoiando a súa promoción.

 

O xurado novo da Edición 02 de Novos Cinemas concedeu o premio Xurado Novo a: Occidental, de Neïl Beloufa, pola creación dun universo estético e pictórico cunha ollada fresca e arriscada. Pola súa intriga, misterio e os xiros inesperados da trama. Pola creación de personaxes carismáticas e as relacións que se establecen entre elas. O xurado está formado por Iria Potti Vázquez, Pablo Aguilar Martín, Irene Martínez Doce, Ana Pérez Valdés e Marta Rodríguez Valverde.

 

Nesta edición do Festival internacional de cinema de Pontevedra había unha nova sección competitiva, Latexos, unha sección concibida para achegar ao público a un cinema máis oculto e emocional, máis fráxil, pero tamén potente que merece ter unha cabida dentro das salas de proxección. ‘Una vez fuimos salvajes’ de Carmen Bellas foi a gañadora. Un retrato da mocidade que habita a periferia dunha gran cidade, a partir dun inventario de miradas, xestos, situacións e expresións que conectan as infancias de diferentes culturas na procura do que comparten.