Tesouros agochados na rede
Os vellos oficios regresan décadas despois do seu ocaso. No sector téxtil, a aparición de grandes multinacionais no último terzo do século XX estivo a piques de extinguir o comercio artesanal. As pequenas marcas locais eran incapaces de competir cos prezos dos xigantes da moda, que lograran aforrar unha gran parte dos seus custos de produción trasladando as súas fábricas a países subdesenvolvidos nos que a lexislación laboral era máis laxa. Agora, como resposta á fast fashion (moda rápida), xorde o fenómeno da slow fashion (moda lenta). Esta nova cultura do consumo pon o foco sobre o coidado dos procesos de produción, buscando asegurar unha maior calidade do produto para que sexa máis duradeiro e tamén máis respectuoso coa defensa e protección do medio ambiente.
Neste proceso de reactivación da moda feita á man, as redes sociais desempeñan un papel crucial. Este tipo de plataformas ofrecen un escaparate para as persoas emprendedoras que deciden abrir un negocio amplificando a súa difusión. Grazas a este tipo de recursos, xa non é preciso contratar publicidade nos medios de comunicación ou emprazamento de produto en programas de televisión para alcanzar un público masivo. Calquera usuaria ou usuario que teña conta de Instagram pode distribuír información do seu negocio a nivel internacional.
A deseñadora e comisaria de exposicións Sergio Marey fala con Xeración Alfa de moda sostíbel. Ela valora de xeito positivo os proxectos que xurdiron na Galiza recentemente ao abeiro das redes sociais “penso que calquera iniciativa que ofreza orixinalidade como valor engadido é positiva” pero tamén puntualiza “para min é máis importante conectar co espazo físico, o máis importante é que o proxecto sexa coñecido no ámbito local”. Sergio é natural de Pol (comarca de Meira). A súa proximidade coa cidade de Lugo (apenas 25 quilómetros) permitiulle inaugurar nesta urbe a súa propia galería de arte, un espazo que pon en valor o talento das novas xeracións de artistas do país.
O espazo xurdiu despois da pandemia, naceu dunha necesidade, pois “dentro do sector non se me ofrecían espazos de exposición como artista e chegou un momento no que me fartou ter que marchar da casa”. Sergio estudou moda na Coruña e en Madrid, pero ultimamente está máis centrada noutras artes. Para ela, a formación é importante pero non aproba o modelo educativo actual, “o problema é que a especialización nalgúns casos é un obstáculo, nas artes sería necesario incorporar unha perspectiva máis xeral” argumenta.
A formación ofrece en moitos casos a oportunidade de apostar por un proxecto persoal propio. Este é o caso de Lixo Atelier, negocio de moda sostíbel creado e dirixido por María Candamo, tamén coñecida como María de Dina. Esta pequena empresa xurdiu cando María estudaba Deseño de Moda na Escola de Arte Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo. Desde que comezou a súa andanza hai dous anos, Lixo Atelier non parou de medrar. Agora conta con máis de 10.000 seguidores na súa conta de Instagram. Ademais, o pasado ano Tanxugueiras luciron a súa bixutería no videoclip de Aire grazas a unha colaboración.
A respecto do éxito, María recoñece que aínda lle custa procesalo. “Cando comecei, isto era só unha pequena parte dun proxecto académico”, lembra. Agora hai semanas que recibe máis pedidos dos que pode asumir. Pondo a vista no futuro, recoñece que lle gustaría seguir o camiño que percorreu até agora e poder diversificar o seu negocio. “O que me gustaría sería que Lixo Atelier puidese comezar a ofertar outros produtos”.
Outro exemplo destacado de emprendemento no sector emerxente da moda sostíbel é Atesourada. A súa creadora, Sara Blanco, abriu a súa tenda de complementos elaborados con plantas e flores en 2020. En conversa con Xeración Alfa, Sara recoñece que as redes sociais constitúen un apoio importante á hora de dar a coñecer unha marca. “A principal vantaxe das redes sociais é que che permiten chegar a un público moi amplo”. “No mercado tradicional as posibilidades de ampliar o número de vendas son limitadas”, afonda. Por outra parte, recoñece que tamén existen inconvenientes. “Como desvantaxe considero que a xestión das redes consome moito tempo, é difícil desconectar completamente. Agora estou intentando traballar en estabelecer un horario fixo”.
Todas as persoas que traballan na artesanía coinciden á hora de sinalar o aspecto máis complicado do seu traballo: determinar un prezo xusto. Jennifer e Sara, as responsábeis da tenda de bordado Fiando Lembranzas, consideran que a artesanía está moi infravalorada. “Existe a percepción de que o artesán é caro. Intentamos achegar os prezos á xente, pero isto é moi complicado polo que nos custa a nós producilo, tanto polos materiais como polo tempo”.
A maxia da reciclaxe
Lixo Atelier xurdiu mentres María Candamo cursaba Deseño de Moda. Para o proxecto final debía presentar unha colección de moda que incluíse distintos complementos. No último curso, cando definiu o seu traballo, tiña claras dúas cousas. Por unha parte, quería que a inspiración do proxecto partise do que a acompañara toda a vida: a natureza, o mar, as pedras e a súa aldea, Louro, no Concello de Muros.
E, por outra parte, ela mesma buscaba que a colección fose sustentábel, non quería que o seu proxecto tivese un impacto negativo no medio ambiente. Un día, mentres paseaba pola praia, ocorréuselle unha idea. Ao observar todo o lixo que arrastrara a marea, pensou que lle podería dar unha saída. Entón decidiu transformar todos eses obxectos estragados en pequenas xoias.
Regalos da natureza
O proxecto Atesourada comezou a partir dun equipo de resina para principiantes que lle regalaron a Sara Blanco no verán de 2020. Ao principio, non lle fixo moito caso, pero cando tivo vacacións na facultade, probou e gustoulle moito, é unha actividade que lle resulta moi relaxante. Atesourada crea todo tipo de complementos a partir de cápsulas de resina nas que introduce flores e plantas.
Os custos de produción proceden, fundamentalmente, dos moldes de prensado e da resina que utiliza para revestir o material. Obtén as flores a través de diferentes vías: ás veces planta sementes na casa e outras recorre a unha amiga florista para pedirlle aqueles ramos que estean máis secos. O seu consello para persoas que desexen emprender é que fagan unha actividade que as motive.