A FONDO NúMERO 89

A Esmorga alén tópicos

O filme de Ignacio Vilar -que está a ser un grande suceso nas pantallas do país- sérvenos de excusa para adentrarnos nas múltiples lecturas que A Esmorga, de Blanco Amor, dá de si, dende a crítica social até as febras psicolóxicas. Todo neste A Fondo, disponíbel aquí.

 

A Esmorga viuse durante tempo limitada por unha ollada que a reducía a novela tabernaria ou a lecturas valleinclanescas. Adentrámonos, neste A Fondo, en múltiples maneiras de ver, ler e gozar de A Esmorga, dende aquelas que inciden na vertente psicolóxica e nos conflitos de identidade (nacional, sexual e de clase) até aqueloutras que inciden na crítica política e social no contexto dun país colonizado e unha lingua minorizada.

Vari@s expert@s e divulgadores na obra de Blanco Amor fannos de guía: dende os escritores Manuel Rei Romeu (coordenador deste A Fondo), Xosé M. Millán Otero, Luís Pérez e Francisco Rodríguez, até a profesora da Western New México University Pilar Rus Gascón. María Xosé Queizán, que vén de presentar unha novela moi ligada a A Esmorga, A boneca de Blanco Amor, fálanos, en entrevista para o suplemento, do autor ourensán, a quen coñeceu persoalmente.

"Era un home torturado pola significación social que tiña a súa homosexualidade. Reprócholle a culpa que tivo niso", expón Queizán, quen nos desvela os motivos que a levaron á sua última novela, que xira ao redor da muller-boneca que desencadea o tráxico final de A Esmorga.

Nas marxes sexuais, sociais e políticas

"Todo o que lle falta á novela teno o filme. E o que poidamos botar en falta no filme, teno ben matizado a novela", afirma Manuel Rei Romeu, nun artigo no que destaca a universalidade da historia que en A Esmorga se conta, así como a densidade humana da relación entre as personaxes principais e a riqueza dos escenarios, tanto no que ten que ver coas paisaxes como co patrimonio monumental.

"A Esmorga viuse durante tempo limitada por unha ollada que a reducía a novela tabernaria ou a lecturas valleinclanescas. Adentrámonos, neste A Fondo, en múltiples maneiras de ver, ler e gozar da obra"

"A Esmorga de Ignacio Vilar ─afirma Francisco Rodríguez─ alén de triunfar dentro, vai sorprender fóra precisamente pola modernidade das relacións psicolóxicas dos tres personaxes". Son, na súa actitude afectivo-sexual, arquetipos de valor universal, que van da orientación heterosexual até a bisexual e homosexual. Sitúanse, pois, ás marxes, tanto das identidade normalizadas no sexual, como pola discriminación de clase a represión institucional que sofren nunha sociedade colonial.

Nesta última cuestión incide Pilar Rus Gascón, autora dunha tese doutoral sobre Blanco Amor, quen fai un paralelismo entre a situación socipolítica galega e a chicana, contexto no que desenvolve na actualidade o seu labor docente: "A Esmorga, sen dúbida, pódenos servir aos nuevomexicanos como mostra do que aquí sucede, incluíndo os diálogos bilingües entre o xuíz e O Castizo". Millán Otero, así mesmo, delata as influencias que latexan en A Esmorga da novela realista rusa.

O soño de Blanco Amor

O escritor Luís Pérez achéganos á actividade de Eduardo Blanco Amor como guionista. Descóbrenos que a posta en escea de A Esmorga no cinema galego era un vello soño do autor, tal e como amosa nunha carta escrita en 1977, o mesmo ano no que, por imperativos da época, A Esmorga foi levado por primeira vez á gran pantalla, máis en castelán.: "algún día farémola na Galiza autónoma, con cartos nosos e actores feitos por nós e no noso idioma, cuios dereitos reservei".