O alcalde de Ferrol empraza o BNG a “reconducir” a postura soberanista
Jorge Suárez, rexedor de Ferrol, aposta por que o BNG se sume a un proxecto común de cara ás eleccións galegas, mais salienta que, para isto, a formación nacionalista debería reconducir os seus posicionamentos soberanistas.
A comarca de Ferrolterra é a máis castigada pola crise no noso país. O desemprego e a emigración son característicos de Ferrol. Así o recoñece o seu alcalde, Jorge Suárez, que nunha entrevista concedida á Cadena Ser chega a criticar a falta de competencias da cidade en relación á creación de postos de traballo.
Neste contexto, e malia estar o sector naval de Ferrolterra apreixado por España, Jorge Suárez pon de manifesto que o debate soberanista “é secundario”. A este respecto, expresa o seu desexo dunha candidatura conxunta, tanto para as eleccións estatais como para as galegas, da que forme parte Podemos e o BNG. Porén, advirte de que no que caso do Bloque é máis complexo, dado que reclama “que se rompan os lazos coas organizacións estatais”, mais confía en que o BNG “reconduza” a súa postura soberanista.
Jorge Suárez apunta na entrevista que hai que “aprender da experiencia” de AGE e aposta por levar os “micro-modelos” das cidades “en base a un programa político de cambio sen protagonismos” e do que forme parte Podemos.