XVII concentración de embarcacións tradicionais en Combarro

XVI concentración de embarcacións tradicionais de Combarro, no 2011

Quen queira coñecer de preto a cultura marítima pode achegarse á Ría de Pontevedra esta fin de semana: a vila de Combarro acollerá, ao longo de tres xornadas, unha boa mostra do patrimonio relacionado coa navegación.

 

Esta sexta xa irán arribando as embarcacións ao porto desde as cinco da tarde, e mañá sábado terán lugar a regata a remos e a VII Regata da Pamplina, de embarcacións tradicionais a vela. O clube mariño A Reiboa, organizador da concentración, ten a súa orixe na asociación de veciños Boureante, que leva desde o ano 96 traballando na recuperación de barcos tradicionais e divulgando a cultura marítima, a través de exposicións, charlas, cursos de vela tradicional, ou, nos últimos anos, a participación no Día de Colón en Combarro ou na Feira Franca en Pontevedra.

Colaboran tamén o Concello de Poio e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a entidade que organiza os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia bianualmente: pasaron xa por Ribeira (1993) Coruxo (1995), O Grove (1997), Rianxo (1999), Poio (2001), A Illa de Arousa (2003), Cambados (2005), Ferrol (2007), Muros (2009) e Carril (2011). O ano próximo, coa vila aínda por determinar, estes Encontros chegarán á súa XI edición.