A XUNTA Só FACULTA áS GUíAS TURíSTICAS

Arqueólogas e historiadoras, excluídas do labor de mostrar os bens de interese cultural

[Imaxe: Turgalicia]

Nin profesionais da Historia, nin da Arqueoloxía, nin da Xeografía poden desde o mes de maio amosar, como viñan facendo, o patrimonio catalogado como Ben de Interese Cultura (BIC). Un decreto do Goberno galego só lles outorga esta facultade ás persoas con titulación de guía turística.

Malia que en maio de 2015, a Xunta de Galiza publicou o Decreto 73/2015 polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galiza, non foi até o de agora cando os e as profesionais da Historia, da Arqueoloxía ou da Xeografía comezaron a se mobilizar. O malestar de persoas historiadoras, arqueólogas e xeógrafas débese a que a normativa impulsada polo Goberno galego de maneira unilateral impide que cobren por acometer os labores de divulgación polos que viñan cobrando até o de agora.

En base ao decreto, a Xunta de Galiza só lles permite ás persoas tituladas como guías turísticas a amosar patrimonio galego catalogado como Ben de Interese Cultural. Unha arqueóloga vinculada á Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que “ao principio, cando saíu o decreto, non lle demos a menor importancia porque pensamos que non se cumpriría, mais nestes meses tivemos a oportunidade de ver como a Dirección Xeral de Turismo nos despraza as persoas expertas en patrimonio cultural”.

"As arqueólogas, historiadoras ou xeólogas non queremos facer o traballo de guía, o noso é un labor didáctico

Esta arqueóloga explica que desde o sector “facemos visitas didácticas explicando os bens, non organizamos excursións de carácter turístico”. “Até o de agora, calquera historiador ou historiadora podía cobrar por organizar unha visita didáctica a unha fortaleza para explicar as súas características, mais agora, para o facer, ten que contratar un guía ao que lle transmite os seus coñecementos para que este, á súa vez, llo transmita ás persoas visitantes”, denuncia. “Para eu poder cobrar por facer unha visita a uns petróglifos tería que pagarlle a unha guía á que eu mesma lle explicaría as características arqueolóxicas para que esta llo explicase ás persoas visitantes. É un despropósito e unha situación ridícula de todo”, insiste.

“Ao colectivo de arqueólogos parécenos perfecto que a Xunta trate de garantir o traballo das persoas guías turísticas para acabar co intrusismo, mais nós, as arqueólogas, historiadoras ou xeógrafas non queremos facer o traballo de guía, o noso é un labor didáctico”, defende. Ademais, sinala que “non ten sentido ningún que calquera de nós, para cobrar por realizar visitas, teña que titularse como guía turística e teña que aprender inglés ou alemán. Eu non quero ser guía e ninguén me ten que obrigar ensinarlle os xacementos arqueolóxicos de Galiza en inglés aos galegos e galegas”.

Israel Picón: "Quen mellor que nós, os arqueólogos, para explicar uns xacementos que nós mesmos escavamos"

Tamén lle preguntamos ao presidente da AEGA, Israel Picón, quen reivindica que “o patrimonio é de todos e todas, e quen mellor que nós, os arqueólogos, para explicar uns xacementos que nós mesmos escavamos”. O responsábel da AEGA advirte de que a situación que padecen as persoas que se dedican de maneira profesional á arqueoloxía é “xa de por si crítica, coa irrupción de persoas voluntarias, como para que a Xunta de Galiza nos coute máis o labor que podemos desenvolver”.

A finais desta semana, os colectivos afectados polo decreto que regula a actividade de guía turística manterán unha reunión para tratar de facer unha fronte común coa que combater o contido da normativa.