Sanâa Alaoui: “Traballei dous anos en Francia sen papeis por unha lei de Sarkozy”

Sanâa Alaoui
A actriz de orixe marroquí comezou moi nova no mundo da publicidade até dar o salto ao cine. Leva anos traballando en Europa non sen algún problema burocrático. Estes días estivo en Compostela convidada polo Festival de Cine Euroárabe Amal en calidade de presidenta do xurado.

 

Naceu nunha cidade moi coñecida por unha película. Casabranca é unha cidade atractiva para unha actriz?

Casabranca foi onde eu nacín. Non me significou nada profesionalmente. O que si me achegou foi o carácter aberto e igual que en París ou New York sempre gostei das grandes cidades.

Da publicidade ao cine con “Le cri de la soie”. Como foi aquela primeira interpretación?

Comecei coa publicidade. Foi por azar chegar ao cine, nun principio non esperaba ser actriz. Grazas aos traballos na publicidade presentáronme o director desta película. Foi unha experiencia extraordinaria cun grande actor italiano. A pesar de que comezaba, viña da publicidade e non era unha actriz madura, axudoume en todo o proceso. Moitas das cousas que aprendín daquela aínda as teño presentes.

Dous premios, un en Roma e outro en Tanger. Cal lle fixo máis ilusión?

... Para min recibir estes dous premios xa é unha recompensa. Eu exerzo a miña profesión con moita paixón. Este traballo fágoo para min, mais tamén para o resto de persoas e cando teñen en conta o que fago tamén é importante. O premio que recibín en Tanger foi o primeiro e o máis emocionante porque puxen moito da miña parte, traballei moi duro. O de Roma foi a miña traxectoria, a toda a miña carreira. Recibir un premio fóra do meu país faime sentir moi ben.

"Cando exerzo a miña profesión síntome un pouco embaixadora de todas as mulleres de países árabes"

Nalgúns papeis que interpretou fai de emigrante marroquí en Europa. Vostede pasou por esa experiencia...

Foi en “Un noivo para Yasmina” e “La sirène Marocaine”... A miña experiencia persoal non foi para nada igual que a doutras persoas. Mais eu sufrín, non por racismo, senón pola política de Sarkozy, estiven dous anos sen papeis por temas administrativos. Finalmente me deron os papeis aínda que tiven que agardar outro ano máis para que se fixesen efectivos. Tamén traballei en Italia sen papeis, sorte que non me pararon na aduana. Foi unha experiencia horrorosa e algo retiven para eses personaxes. Déronme máis ganas de pelexar e poñer máis paixón nesta profesión. Para ser máis ceibe.

Estamos nun Festival de cine árabe. É difícil para unha muller ser actriz na súa cultura?

Non, penso, que non. Eu veño de Marrocos e no Magreb son moi abertos. É máis complicado noutros países árabes. Cando exerzo a miña profesión síntome un pouco embaixadora de todas elas e cando podo sempre defendo o punto de vista da muller.

Coñécese abondo o cine árabe en Europa e o cine europeo nos países árabes?

Grazas a festivais como o Amal de Compostela e outros, cada vez hai máis, o noso cine non está agochado. Aquí neste festival Amal contamos con producións do Líbano, Qatar, Dubai... O cine europeo coñécese moito mellor, non só grazas aos festivais senón á televisión. A mentalidade mudou e hai moito interese por outras culturas.

Que opina deste festival que se celebra en Compostela?

Trinta e unha películas son moitas. Foi unha sorte moi grande ter acceso a elas. A calidade foi moi alta este ano. A experiencia entre o xurado foi moi enriquecedora pola variedade de gustos. O nivel foi fantástico.