Un documental achega a historia do Death Metal galego
Galiza sempre foi terra de música “pesada”. Ben sabemos da movida viguesa, coas súas aportacións en grupos e ritmos, mais tamén o Heavy Metal entrou en Galiza eses anos con forza e chegou para quedarse. Unha das variantes deste estilo, o Death Metal, segue tendo seguidores desde as primeiras bandas que apareceron nos 90. Agora dous especialistas, Luis E. Froiz e Carlos Pensado, presentan un documental sobre elas co título de “Escuros, Roncos e Compasados”.
Absorbed foi unha das primeiras bandas de Death Metal do Estado español
Despois de case un ano de duro traballo e entrevistas a case 30 persoas que viviron esa época, podemos seguir a grupos como Absorbed, unha das primeiras bandas de Death Metal do Estado español, e outras como Osmosis, Detestor, Scent of Death ou Unnatural. O Death Metal considérase o subxénero máis duro do Heavy Metal. Caracterízase por unhas guitarras distorsionadas e subafinadas, unha percusión rápida e paradas e cambios de tempo. Nas letras das cancións figuran temas como a relixión, a violencia, o satanismo ou a política.A estrea vai ser no Auditorio de Galiza (Sala Mozart) o 29 de xuño ás 21 horas coa entrada de balde previa petición ao enderezo electrónico Lfroiz@hotmail.com.