Cinco persoas feridas, entre elas un menor de idade, nun accidente en Carballo

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)

Cinco persoas resultaron feridas, entre elas un menor de idade, nun accidente de tráfico ocorrido en Carballo (comarca de Bergantiños), na tarde noite desta segunda feira. O 061 recibiu a alerta na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias e mobilizou ao lugar do accidente a unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, tres ambulancias de soporte vital básico e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada de Carballo. No punto do accidente foron atendidas cinco persoas, que posteriormente foron trasladadas ao Hospital da Coruña: unha muller de 34 anos, outra de 23, un home de 29 anos e outro de 38 anos. Pola súa parte, un menor de idade foi derivado ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña.