Detido en Vigo un home por ameazar de morte a súa ex parella cun desaparafusador diante dos fillos

Coche da Policía Local de Vigo.
Un home, R.O.F., de 37 anos de idade, foi detido na tarde desta cuarta feira en Vigo após ameazar de morte a súa ex parella. Foi contra as 16.55 horas cando a Policía Local tivo coñecemento dos feitos a través dunha chamada que solicitaba asistencia nun edificio da Travesía de Vigo debido a unha discusión de parella. Unha vez no lugar, os axentes atoparon un individuo con "actitude pasiva", a pesar de que se escoitaban os choros dunha muller no interior do piso, polo que entraron e falaron coa vítima, que se atopaba nun "grave estado de nerviosismo". Ela manifestou que a súa ex parella xa o día anterior rompera todas as súas pertenzas, así como electrodomésticos varios, incluíndo a televisión. Isto motivou unha discusión entre ambos e no medio da mesma o home ameazáraa de morte cun desaparafusador, mentres os seus fillos de 4 e 6 anos presenciaban a escena. Logo entrevistáronse co home, que prestou declaracións "contraditorias", polo que foi detido como presunto autor dun delito de violencia machista. Minutos despois, trasladaron a muller a un centro médico, debido ao episodio de ansiedade que sufría.