O CSD intervén a RFEF, pero non inhabilita o imputado Pedro Rocha
26 de abril de 2024 (08:35 h.)
O novo capítulo na extensa novela da crise aberta na Real Federación Española (RFEF) desde o bico non desexado de Luis Rubiales a Jennifer Hermoso na final do pasado Mundial escribiuse onte. O Consello Superior de Deportes (CSD) tomou a decisión de intervir para "corrixir a grave situación que atravesa a RFEF e para que a entidade poida iniciar unha etapa de rexeneración baixo un clima de estabilidade e institucionalidade". Para iso, constituirá unha comisión que terá á fronte a tres "persoas independentes de recoñecido prestixio", entre as que estará como representante federativo un Pedro Rocha -candidato único á presidencia do ente- ao que o CSD decidiu non suspender a pesar de estar imputado.