Chaman a doar sangue ante as baixas reservas de sangue A positivo e 0 positivo

Unidade móbil para a doazón de sangue. (Foto: ADOS)
As reservas de sangue de tipo A positivo e 0 positivo atópanse en nivel baixo na Galiza, polo que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento a doar. Pola súa parte, os tipos de sangue A negativo, AB negativo e 0 negativo están en nivel normal de reserva. Só os tipos B negativo e AB positivo contan con reservas en bo nivel. ADOS, dependente do Sergas, fai fincapé en todas as persoas que precisan dunha transfusión debido a unha operación, un transplante de órgano, un cancro, un accidente de tráfico ou unha hemorraxia, entre outros motivos. Para unha atención axeitada necesítanse perto de 500 doazóns de sangue ao día no conxunto do país. Así, pódese doar nos sete puntos das principais cidades e nas dez unidades móbiles que percorren diariamente os municipios.