Un autobús escolar sae da vía en Amoeiro por causa do xeo sen deixar feridos

Emerxencia 112 Galiza (Foto: 112).

13 persoas saíron ilesas despois de que se rexistrase unha saída de vía dun autobús escolar na localidade de Amoeiro (comarca de Ourense). Tal como informou a Garda Civil de Ourense, os feitos ocorreron pouco antes das 9 horas desta terza feira e o suceso produciuse como consecuencia do xeo que había na calzada. Foi unha traballadora da compañía a que alertou ao 112 Galiza do accidente. No bus viaxaban 11 menores, o acompañante dos mesmos e a condutora. As trece persoas saíron ilesas do incidente, ocorrido na OU-P-000 que une a OU-0525 con Amoeiro, na parroquia de Abruciños. Até o punto trasladouse o equipo de investigación de sinistros viarios e tamén medios municipais do Concello de Amoeiro, ademais da Garda Civil. Os menores foron trasladados en taxi ao instituto.