Activada a alerta laranxa en todo o litoral galego polo temporal

Grandes ondas na costa da Coruña durante o paso do temporal 'Ciarán' (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta vén de activar a alerta laranxa para esta quinta feira por temporal costeiro en todo o litoral do país. En concreto, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso afectará toda a costa desde a tarde de hoxe debido a mar combinado do noroeste con ondas de até sete metros. Ademais, haberá ventos de forza sete no litoral do noroeste e oeste da Galiza, así como na costa da Mariña. Neste contexto, co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais, servizos de Protección Civil e aos clubes náuticos, entre outros. Ademais, no caso dos concellos con plans de emerxencias municipais (Pemu) recomendou que se activen na fase de preemerxencia.