Achan sangue e un casco de bala no domicilio do veciño de Culleredo desaparecido a pasada semana
12 de maio de 2023 (12:33 h.)
A Garda Civil mantén abertas todas as hipóteses en relación á desaparición dun veciño de Culleredo (comarca da Coruña) en cuxa casa atoparon restos de sangue e un casco de bala. Trátase dun home de 50 anos que falta do seu domicilio na zona de Orro desde a pasada sexta feira. Foron os seus familiares quen denunciaron a desaparición. Ao lugar desprazáronse axentes da Garda Civil que acharon os restos de sangue nalgunhas zonas da vivenda e o que podería ser un intento de limpar os mesmos. Sobre os fragmentos de munición, fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press precisaron que o home era "afeccionado ás armas". Aliás, o coche deste home tíñao un amigo ao que xa se tomou declaración.