Noa García: "Para que o fútbol feminino teña visibilidade precisamos o apoio dos medios"

Noa García, nun adestramento. (Foto: RC Celta)
A traxectoria de Noa García (Pontecesures, 2007) comezou con só cinco anos no Ulla Cf e foi en ascenso até chegar ao primeiro equipo das celtas. unha xogadora habilidosa, con moito talento e, sobre todo, con moito aínda por demostrar.

—Que é o fútbol para ti?
O fútbol para min éo todo, a miña vida, a miña dedicación e o meu soño. Pero se tivese que definir o que sinto por el nunha soa palabra sería vida.

Como foi a túa chegada ás Celtas?
Chamáronme ao comezo de todo, aínda non era pública a creación do equipo. Explicáronme que estaban traballando nun novo proxecto para o club e preguntáronme se me gustaría participar nel. A miña resposta xa desde un primeiro momento foi que si, que eu quería formar parte do grande equipo que é o Celta de Vigo. Para min era un soño porque eu son celtista desde que son pequena.

—De comezar no Ulla CF con cinco anos, a pasar polo Vitoria CF e acabar no Celta. Como valoras este percorrido futbolístico?
Moi positivamente, en parte porque comecei progresivamente de menos a máis e tendo sempre  moi claro que me queda moito camiño por percorrer. Penso que de momento levo unha traxectoria bastante boa, creo que isto tamén se debe a que desde os cinco anos tiven adestradores moi bos. Pouco a pouco voume formando cada vez mellor e vanse vendo os resultados, mais vexo fundamental seguir sempre esforzándose o que unha poida.

—Este ano comezaches os estudos superiores, como consegues compatibilizar?
É difícil, non o vou negar. Mais,  como se adoita dicir, se algo queres, algo tes que loitar para conseguilo. Con organización, se tes unha orde e tes claro o que queres facer, podes compatibilizalo.

—Como valoras o acollemento das Celtas dentro do celtismo?
Moi bo. Toda a xente que apoiaba o masculino estivo ao noso carón animándonos desde un primeiro momento. Foi un acollemento que creo que ninguén imaxinaba, ao final era a chegada dun equipo feminino moi de súpeto...  mais o celtismo implicouse moitísimo. De feito, no primeiro partido en Balaídos o ano pasado, contra o Vitoria da Coruña, tivemos 6.000 persoas apoiándonos, unha auténtica barbaridade.

—Como está sendo este inicio de tempada?
De momento está sendo moi bo. Estamos obtendo bos resultados e agardamos que nos sirvan para conseguir os ascensos que tanto queremos e ansiamos.

—Como ves a situación do fútbol feminino na Galiza?
O panorama que temos agora mesmo no fútbol feminino era imaxinábel hai unha década. Ti antes ías polas vilas e era practicamente imposíbel atopar un equipo que fose só de rapazas. Agora, pouco a pouco, vanse conseguindo máis avances e as mulleres temos unha maior implicación e visibilidade, mais aínda queda moito por facer.

—Falando disto, que avances quedan por alcanzar?
Moitos. Por exemplo, precisamos máis investimento para que se garanta que se retransmitan en directo na televisión os partidos do fútbol feminino. A día de hoxe só se poden ver os partidos de Liga F e, aínda así, moi poucos e escasas veces. Para que o fútbol feminino e as mulleres teñamos máis visibilidade temos que ter o apoio e o alcance dos medios. Creo que é a única forma de que se recoñeza e valore o noso esforzo. Tamén axudaría a que se nos coñeza mellor e que as nenas poidan ver en nós referentes.

—Cal é o teu soño dentro do fútbol?
Poder participar na selección do Estado español, e tiven a sorte de poder ir convocada dúas ocasións a un adestramentos. Agora que xa vivín esa experiencia, gustaríame poder chegar a debutar no LAC.

—Tiveches referentes dentro do fútbol feminino na túa infancia?
Cando eu era pequena o fútbol feminino aínda non era tan visto, polo que os meus referentes estaban dentro dos grandes equipos masculinos, os máis coñecidos. Conforme fomos gañando visibilidade e me decatei das incríbeis futbolistas que hai, a miña referente pasou a ser Alexia Putellas.

—Que supón para ti un derbi contra o Deportivo?
É o mellor partido que podemos xogar, porque é ao que a afección vai con máis ganas e iso nós notámolo, na forma de animar e no apoio. Para nós é o partido máis importante e creo que no que máis loitamos.

—Que consello lle darías a unha nena que está empezando dentro do fútbol?
Que non lle dea importancia ao que lle digan, sobre todo aos tópicos de que o fútbol é de homes e que as rapazas non valemos para xogar, porque acabará vendo que todos estes comentarios non son certos. E como exemplo disto están as Celtas ou calquera equipo feminino. Se realmente o fútbol é o que lle gusta que loite!

Noa, de perto

—Que estás estudando?
Este ano comecei o Ciclo Superior de Acondicionamento Físico en Vigo.

—Que canción non falta no vestiario das Celtas?
O noso himno, a Oliveira dos Cen Anos de C. Tangana. É a canción do noso equipo e representa moito para nós. Escoitala supón tanto emoción como un xute de ánimo e de motivación.

—Como desconectas do fútbol e dos estudos?
Normalmente, camiñando pola natureza ou por algunha paisaxe bonita. Pero sempre escoitando as miñas playlists de música. Non concibo os paseos sen música.

—Se só puideses quedar con un... que preferirías, Pontecesures ou Vigo?
Non preciso nin pensalo un momento: sen dubidalo, quedaría con Pontecesures. É a miña vila e o lugar no que me criei.

—E se tiveses que elixir outro deporte, cal sería?
Para min é difícil pensar nun deporte que non sexa o fútbol. Pero supoño que, por exemplo, o voleibol podería gustarme.