Entrevista

Claudia Couto: "Gañar é unha recompensa ao sacrificio que temos que facer as deportistas"

Claudia Couto, campioa mundial de piragüismo na categoría Sub-23. (Foto: Ana Loureiro)

Claudia Couto (Pontevedra, 2002) reina no piragüismo galego e internacional grazas á súa forza e á súa técnica. En 2023 alcanzou o ouro no Mundial Sub-23 e tamén foi campioa de Europa na mesma categoría. Agora prepara o seguinte desafío.

—Fuches campioa do mundo e de Europa. Que significan para ti estes dous títulos?
No plano deportivo, estas dúas vitorias supuxeron unha dose extra de ánimo para continuar e ademais axudáronme a ser consciente de que non é imposíbel estar no máis alto do podio dun campionato internacional. No plano persoal, gañar é unha recompensa ao sacrificio que temos que facer as deportistas. Adestro no alto nivel desde os 17 anos e iso moitas veces implica non poder saír como saen os meus amigos, perder aniversarios e moitas celebracións especiais por priorizar os adestramentos, ademais das estadías no estranxeiro polas competicións internacionais. Ademais, vivín tres anos fóra e durante ese tempo estiven lonxe da miña familia, dos meus amigos e da miña casa.

—Xa escalaches os cumes máis altos do piragüismo. Que vén agora?
O desafío máis inmediato é preparar o campionato europeo Sub-23, que vai decorrer entre o 19 e o 22 de xuño na República Checa. Un pouco máis adiante, ao final da tempada, estou esperando a que me confirme a federación española a miña participación no mundial Sub-23 e no mundial absoluto. A longo prazo, teño a vista posta nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.

—Que pasa pola túa cabeza cando estás na liña de saída dunha final internacional?
Intento centrar a mente, interiorizar a estratexia da regata e non pensar en distraccións. Tamén procuro pór a visión en modo túnel e fixarme exclusivamente na liña de meta, sen prestar atención aos meus rivais. É un momento complicado. Os 20 minutos previos á competición, mentres realizo o quecemento, sinto máis emoción porque penso en todo o que loitei por chegar até aí.

—Que papel xogaron Pontevedra e a túa contorna nos inicios como deportista?
Pontevedra é o berce do piragüismo na Galiza, existe unha gran tradición. Ademais aquí temos o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e hai adestradores moi bos. A min gústame pasear pola cidade, achegarme até o paseo xunto á ría e ver os piragüistas navegando. Cando comecei aos 14 anos neste deporte, tiven a sorte de que os meus curmáns tamén remaban, iso influíume moito. A miña familia sempre me animou a perseguir a miña paixón e os meus soños.

—Dáselle ao piragüismo a visibilidade e o apoio que merece?
A pesar de que o piragüismo é un deporte minoritario, as institucións galegas axúdannos bastante. Creo que os medios de comunicación galegos tamén lle dan bastante visibilidade a esta disciplina. A nivel estatal, penso que se debería recoñecer máis, sobre todo se temos en conta que o piragüismo é o deporte con máis medallas olímpicas do Estado. Ademais, a muller que máis veces participou nos Xogos Olímpicos é a galega Teresa Portela, que é padexeira. Paréceme que a xente só lembra o piragüismo cando se achegan os Xogos, creo que debería haber máis apoio durante o resto do ciclo olímpico, sobre todo na base.

—Aínda que o éxito é o máis visíbel, detrás hai días de frío, de chuvia, de madrugar e de frustración. Hai algún momento especialmente duro que te marcara e que agora valores como parte da túa aprendizaxe?
Lembro que cando tiña 16 anos planeara unha viaxe cunhas amigas a Bélxica e ao final tiven que cancelala, a pesar de que xa pagara os voos, porque había un campionato estatal e tiña que participar e gañar unha medalla para poder acceder ao CGTD. Deume moita mágoa, mais se non fose, hoxe igual non estaría aquí.

—Ademais de ser deportista de elite, tamén es usuaria moi activa nas redes sociais. Que representa para ti o uso deste tipo de plataformas?
As redes sociais son un medio de exposición, sobre todo para un deporte minoritario como o piragüismo. Este tipo de plataformas axudan a conseguir colaboracións con marcas e patrocinadores, así como a construír unha comunidade que contribúa a gañar máis recursos económicos para poder investilos en nutricionistas ou na compra de máis material. Dentro das limitacións que ten o meu adestramento, porque por exemplo non podo gravar cando estou na piragua, intento que os meus adestradores fagan algún vídeo para despois difundilo en redes e que a xente estea pendente.

—Nun tempo en que a realidade virtual e a IA gañan peso, cres que o deporte é unha forma de conectar contigo mesma, coa natureza ou coa túa terra?
Para min adestrar é unha vía de escape. Aínda que hoxe a miña vida estea moi centrada no deporte, todos temos problemas persoais. Ao adestrar tes que estar pendente de moitas cousas e ese nivel de concentración axuda a evadirte das túas preocupacións. Para min é un respiro poder baixar ao río e navegar.

Claudia, de perto

—Que fas no verán para combater a calor?
Os deportistas sabemos que hidratarse é fundamental na época de máis calor. Durante o verán procuro ter sempre a man unha botella de auga.

—Que outro deporte che gustaría practicar?
Cando era pequena practiquei natación sincronizada. Agora gustaríame aprender surf aínda que debo admitir que son moi torpe e que non teño equilibrio.

—Todo o mundo ten unha canción especial para calmar os nervios en momentos de estrés. Cal é a túa?
Teño unha playlist de música techno en Spotify que adoito poñer antes das competicións.

—Ás veces fas blogs das túas viaxes, cal é a que  máis che gustou?
En setembro fixen un dunha viaxe a Tenerife que me gustou moito, aínda que tamén lembro con moito agarimo o campionato europeo do ano pasado en Bratislava (Eslovaquia).

—Cal era a túa materia favorita no instituto? E a que menos che gustaba?
A miña materia favorita no instituto era Bioloxía, e a que menos Matemáticas.