Candela Lema, emprendedora: "Co galego podemos chegar a calquera parte"

Candela Lema. (Foto: Cedida)
Candela Lema (Ponteceso, 2002) abriu en febreiro a súa tenda de artesanía, 'Fíos de Cores', un espazo de venda en liña que ofrece todo tipo de produtos, desde bolsos até fundas para tabletas ou libros electrónicos. Aínda que ao principio tivo medo de non chegar ao público, xa aceptou máis de 400 encargos desde que emprendeu o seu negocio. 

Como xurdiu a idea de crear a túa tenda en liña de artesanía e moda sostíbel?
Desde cativa sempre fixera cousiñas artesanais –por exemplo, as típicas pulseiras–, sempre vin a miña nai e a miña avoa coser. Foi como unha forma de continuar a tradición que eu aprendera na casa. Comecei a facer gancho pola miña conta, subía as prendas que facía e os meus traballos a 'Mellores amigos' de Instagram para compartilo coas miñas amizades. Foron elas quen me animaron a facerme unha conta especializada niso, porque era unha forma de compartilo fóra do meu círculo. Cando abrín a conta comecei a gañar seguidores, vin que a xente se interesaba polas pezas que facía e algunhas persoas mesmo me preguntaban se facía encargos. Máis tarde decidín profesionalizarme e abrir a miña propia páxina web.

En que medida cres que a Costa da Morte inflúe na túa maneira de traballar, na estética das túas pezas ou mesmo na filosofía do teu negocio?
Creo que a influencia é absoluta. Ao final, como se pode ver no meu perfil, todo está en galego, que é algo que tiña clarísimo. Eu non quería cambiar o meu idioma para sacar adiante este proxecto. Si que é verdade que cando comecei a subir contido a TikTok houbo persoas que me dicían que cambiase ao castelán porque seguro que me vería máis xente, e eu negueime totalmente. No seu momento non sabía se ía ter saída mais agora podo dicir orgullosa que si que a ten. Inspírome moito na zona na que medrei e intento que todo sexa acorde á maneira de vivir de aquí e a cultura que se transmite.

Nun contexto dixital como o actual, cres que as redes sociais son unha ferramenta útil para emprender?
Hoxe as redes sociais son a base; se non estás neses espazos non existes, por desgraza. Ás veces cústame bastante compaxinar a parte máis creativa e de produción con ter que tirar fotografías ou crear contido. Pero se unha semana estás máis inactiva en redes nótase moito o descenso de vendas e a redución de xente que ve o teu contido, e ninguén pode permitirse iso cando está empezando.

Se non estás nas redes, non existes

Como foi o recibimento do público? Tes unha idea aproximada de cantos encargos recibiches ou de como evolucionou a demanda?
A acollida foi moito máis positiva do que agardaba, sempre hai xente que te vai apoiar e outras persoas que non tanto. Para min foi incríbel, mesmo o tema do galego nunca foi unha barreira. Fálame xente de Madrid, de Barcelona e de València. Cando ves que esta xente che fala, dáste de conta de que co galego podemos chegar a calquera parte.

Xestionar un negocio propio pode ser absorbente...
É imposíbel ter unha xornada laboral. Ademais, no meu caso, até hai pouco traballaba na miña habitación. Aínda que agora adaptei unha zona da miña casa para isto, ao final o meu traballo é a miña vida. Non só é confeccionar os bolsos, tamén é xestionar a páxina web e contestar á xente. A miña vida xira arredor disto agora mesmo.

Que significa para ti ter o teu propio negocio e vivir da creación?
Para min é un orgullo, porque é un sector que sempre me encantou e que formaba parte do meu lecer. Nunca pensara que podería ser posíbel convertelo no meu traballo e o feito de que conseguise abrir a miña propia páxina web para min é un grande orgullo.