Belén Puime: "O formato de webserie é moi importante; dá a oportunidade de comezar no audiovisual"
—Debutaches na industria audiovisual galega coa webserie Pringadas. Que percorrido auguras para este formato no futuro?
A min gústame diferenciar entre series de baixo ou alto orzamento ou mini series. O formato de serie dixital é moi importante porque ofrece a oportunidade de comezar no audiovisual, as webseries permiten ás persoas gañar experiencia como directoras. Dáme mágoa que en Agadic desaparecesen as axudas para webseries, hai moita xente que quere facelas. Se non existen vías de financiamento implica ou ben que non se poidan facer ou que a xente teña que facelas de forma precaria.
—Pringadas foi finalista na edición XXI dos Mestre Mateo na categoría de serie web. Como vos sentistes cando vistes o recoñecemento que acadou o voso proxecto?
Comecei a escribir Pringadas como terapia, estaba nun momento complicado da miña vida. Cando a serie comezou a gañar proxección, acadou unha dimensión coa que non contara inicialmente e aí si que empecei a sentir presión. Exixíame gañar o Mestre Mateo, pero non por min, tiña a ilusión de demostrar o talento da mocidade. Estaba encantada coa candidatura, pero ao mesmo tempo foi unha etapa que vivín con moito estrés e ansiedade.
—En pouco tempo o audiovisual galego viviu unha gran renovación. Que factores cres que contribuíron nese proceso de expansión que experimentou este sector?
Na pandemia da Covid-19 apareceron moitas persoas creadoras na Galiza. Comezaron a crear contido Leti Da Taberna, Olaxonmario, Sara Seco ou Prado Rúa, entre outros nomes. Fixeron un labor moi importante de galeguizar as redes sociais, sobre todo as plataformas que estaban xurdindo nese momento como TikTok. Iniciativas como Youtubeiras son moi importantes, porque non só contribúen a que a xuventude coñeza novas referentes, senón que tamén estimulan que o público cree contido.
—Na actualidade presentas xunto con Uxía Vázquez 'A Previa', un espazo no que conversades con diferentes persoas do panorama cultural galego. Como xurdiu a idea?
A Previa naceu a partir de Pringadas, os dous proxectos teñen unha estética semellante. Uxía e mais eu tiñamos moita química porque as dúas nos encargabamos de presentar nos teatros Pringadas, e decidimos trasladar a esencia dese primeiro proxecto á non-ficción. Algo que tivemos totalmente claro desde o principio era que non queriamos falar con persoas famosas, pois queriamos traer persoas que non tivesen a oportunidade de ser entrevistadas nun programa ao uso.
—Ti coñeciches Uxía a través das redes sociais. Que papel consideras que desempeñan este tipo de plataformas á hora de tecer unha rede de contactos entre creadoras de contido?
Son fundamentais. Eu estou agora mesmo no sitio no que estou grazas a este tipo de plataformas. As redes sociais son básicas tanto para darte a coñecer como para tecer redes entre persoas creadoras. Cando gravamos tiña moi claro que me gustaría que houbese máis creadoras de contido dentro do proxecto, para xerar pouco a pouco esas sinerxías. Na Galiza existe un grande apoio entre a comunidade creadora.