Opinión

Insulina

Hai uns días, mentres ceaba nun restaurante, observei que un mozo sentado de costas a min levaba no brazo un pequeno dispositivo redondo. Aínda que xa sabía o que era, chamoume a atención observalo neste contexto, e pregunteille aos meus acompañantes se algunha vez viran algo así. O que levaba o rapaz era un sensor de glicemia, un aparato que se emprega para controlar a diabetes e evita ter que pincharse para medir o nivel de glicosa no sangue. Vai conectado a unha app de móbil e, pasando o teléfono sobre o sensor, obtemos a medida. O meu gusto polos cachivaches fai que me fascinen estes avances que facilitan a vida das persoas dun xeito tan radical e tan sinxelo como ter unha app no móbil, igual que controlas o robot aspirador. 

As persoas que padecen diabetes tiñan que realizar varias puncións subcutáneas ao día, tanto para determinar a glicosa en sangue como para administrarse a insulina correspondente. Isto implicaba cargar con varios elementos (tiras de glicosa, medidor, plumas para insulina…) ademais da molestia en si das puncións. Estes sensores reducen o número de picadas e existen tamén bombas de insulina que administran a dose correcta dependendo da medición do sensor. 

Como toda innovación, arredor desta facilidade tecnolóxica para determinar un parámetro como é a glicosa, que antes era difícil e incómodo de medir (ningunha persoa que non padeza diabetes vai estar extraéndose sangue capilar varias veces ao día só pola curiosidade de coñecer como ten a glicemia) créanse modas e falsas crenzas. Moita xente, sobre todo de contornos relacionados co deporte, comezan a usar sensores a pesar de non padecer diabetes. A idea é que se deben evitar os picos de insulina, evitando os alimentos de alto índice glicémico (con moitos azucres que se absorben moi rapidamente). Se ben hai algo de certo nisto, porque as dietas occidentais están saturadas de carbohidratos de absorción rápida que en exceso poden producir diabetes tipo 2, as elevacións de glicosa e insulina en sangue non só non son prexudiciais para a saúde, senón que é o xeito no que funciona o noso sistema endócrino, levar un sensor visible pode empregarse para dar unha imaxe de persoa saudable, que se preocupa pola alimentación e fai deporte. En realidade, os hábitos saudables teñen moito máis que ver co sentido común e menos con cifras concretas.

Comentarios