Opinión

Rexenerar os medios

[María Obelleiro]

Rexeneración democrática. Unha expresión que inunda estes días as páxinas dos xornais, as televisións, as radios... O presidente do Goberno español apelou á rexeneración democrática como modo de acabar coa estratexia de “acoso e derribo”. As forzas políticas que deron o seu apoio a Pedro Sánchez na súa investidura piden concreción e actuacións decididas para acabar cunha persecución que se estende ao plano mediático. Estamos diante dunha oportunidade para pór luz e taquígrafos á dependencia da meirande parte das empresas de comunicación ás axudas públicas. Alén dunha Lei de medios que garanta a pluralidade, é imprescindíbel que a sociedade coñeza cales son os vasos comunicantes entre os xornais, radios, televisións... e os respectivos Gobernos, o estatal e o galego, mais tamén os provinciais e locais, ou non é de xustiza coñecer cantos fondos públicos destina un Executivo local a publicidade ou convenios con cada medio de comunicación? E o mesmo coas Deputacións, coa Xunta da Galiza e co Executivo estatal?

Rexeneración democrática sería facer público canto recibe cada medio de comunicación, tanto en publicidade como axudas. Rexeneración democrática sería que os convenios, hoxe en día opacos, fosen transparentes. Saber quen compra que e por canto é fundamental para acabar coas prácticas clientelares e caciquís que contribúen coas mentiras e a lameira.

Comentarios