Opinión

Requiem pola igualdade

Sen epitafio. Sen comitiva fúnebre. Sen palabras de despedida. Con pouco máis que unha escasa liña nalgún xornal, así foi eliminada a Secretaria xeral de Igualdade. Hai quen pensará que este enterro non ten transcendencia. Tanto ten Xan como Perillán! Nesta indiferenza que nos coloniza, un retroceso brutal na concepción política e administrativa das políticas feministas consúmase sen pena nin gloria. A min invádeme a pena. Non pretendo ficar presa das emocións, só analizar dúas cuestións preocupantes.

A primeira refírese á clara aposta ideolóxica que subxace na desvinculación da violencia machista do ámbito da igualdade. Coa decisión de Rueda de situar as cousas de mulleres xunto cos servizos sociais e separar a promoción da igualdade da violencia de xénero consolídase un principio da dereita: a violencia de xénero si é un problema social, pero que non ten nada que ver co problema estrutural do patriarcado. Así, consegue manter o nome e esquivar a crítica social, ao tempo que se posiciona do lado da visión negacionista sobre a relación do machismo co asasinato das mulleres ou as agresións sexuais. 

Esta separación non é unha mera cuestión administrativa, é o reflexo na xestión cotiá da administración galega dunha cuestión política de primeira orde, a saber, como comprendemos e abordamos as violencias machistas. Hai unha razón ideolóxica clara nesta decisión e unha mensaxe de tranquilidade para quen pensa que o feminismo xa avanzou dabondo. Hoxe o goberno galego aposta pola visión punitivista que valora máis un xulgado que unha escola. Entendemos por que eliminou hai un ano as materias de igualdade de xénero dos centros educativos. Bo sería lembrar que Concepción Arenal alertounos da importancia de abrir escolas para pechar cárceres.

A segunda cuestión ten que ver coa visibilidade institucional. Perdida a figura da secretaria xeral e o seu peso protocolario, a visibilidade reside na figura dunha conselleira moi afastada das políticas de igualdade e feministas. Feijóo xa eliminara o SGI que estaba creado por lei desde tempos de Fraga. Agora Rueda elimina a Secretaría que funcionaba desde o 2005 e que implicou o maior rango institucional das políticas feministas no goberno galego. Para representar a violencia de xénero elixe un home. É raro atopar algún home nunha charla de violencia, é raro que participen nos equipos de igualdade dos institutos ou que traballen nun CIM. Polo tanto, xa que están dispostos a dirixir as políticas de violencia, benvidos sexan. Desexámoslle acertos e perspectiva feminista. 

A resaca do amor de Sánchez fará deste tema algo menor. Se cadra a cousa é peor, este xa era un tema menor. As feministas mirámonos con distancia nos últimos tempos e non somos quen de defendérmonos ante un plan trazado para extinguir as políticas de igualdade efectivas. Tamén confundimos discrepancia con enfrontamento.

Sinto repetirme, mais teño que dicilo. A violencia machista non é unha forma de criminalidade. É o elemento central de control das mulleres. Sen feminismo non a erradicaremos.

Comentarios