Traballo digno, Palestina e pleno emprego centraron as protestas do 1 de Maio

Este 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, as organizacións sindicais manifestáronse por toda a Galiza. Nesta ocasión ás reivindicacións laborais engadíronselles o contexto internacional e a actualidade política estatal.  
Manifestacións polo 1 de maio na Coruña. Arriba, a realizada pola CIG e, abaixo, a que convocou UXT e CCOO (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestacións polo 1 de maio na Coruña. Arriba, a realizada pola CIG e, abaixo, a que convocou UXT e CCOO (Foto: Nós Diario).

A Coruña acolleu os actos centrais dos sindicatos este 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, nunha xornada na que as reivindicacións foron máis alá do laboral e lembraron a situación que vive o pobo palestino. Até 30 marchas percorreron as rúas de cidades e vilas do país cunha participación maior nas primeiras. 

A forza sindical con maior representación na Galiza, a CIG, manifestouse en dezaseis localidades galegas. A máis numerosa foi, un ano máis a de Vigo. Na mobilización da Coruña participou o seu secretario xeral, Paulo Carril, quen sinalou en declaracións aos medios de comunicación que o chamamento deste ano reivindicou “un traballo digno” ao tempo que denunciaba “cun berro solidario o xenocidio que Israel está cometendo ao pobo palestino”. Para Carril, “vivimos nun contexto internacional onde a desesperación dos Estados Unidos e da OTAN por manter unha hexemonía mundial” conta cunha “apoloxía do militarismo e da guerra” que se demostra tamén “coa hipocrisía do occidente democrático” que é “incapaz de frear esta situación”. 

O líder sindical nacionalista relacionou este panorama coas circunstancias actuais “de altos prezos, perda do poder adquisitivo dos salarios e das pensións, empobrecemento xeneralizado da sociedade co perigo do aumento da exclusión social”. Carril lembrou “os dous anos que levamos de reforma laboral” que mudaron “contratos temporais por contratación a tempo parcial e fixo descontinua” que tiveron como consecuencia “o aumento de máis de 280% de incremento” nesta modalidade. Recordou, neste sentido, que “unha de cada tres persoas traballadoras cobra por baixo do salario mínimo e 50% das familias que están na pobreza teñen traballo” mentres que “os beneficios da banca e as eléctricas seguen aumentando”.

Pola contra, Carril apuntou que “a caída dos salarios é unha evidencia, case catro puntos nos dous últimos anos no Produto Interior Bruto”. O líder da CIG relacionou estas cifras coas medidas que toma o Goberno español “que actúa ao ditado do que lle diga a Unión Europea” a través dunha política laboral “branqueada co diálogo social”.

Tras esta análise, Carril asegurou que “a loita e a mobilización é o único camiño para facer fronte a esta situación crítica a nivel nacional e internacional” e para evitar “o desmantelamento do noso país”. Por último, demandou frear “o cheque en branco” que asegura ten o PP “manteña esa obsesión por desmantelar o noso país” ante o que reclama “un plan galego de industrialización” que “encaixe” con outros sectores de actividades “como a agrícola ou a pesqueira”.   

UXT e CCOO

Por parte ds sindicatos UXT e CCOO, esta cuarta feira as mobilizacións foron conxuntas en seis cidades galegas mais en Pontevedra manifestáronse por separado. Ademais, CCOO realizou unha protesta en solitario en Viveiro (A Mariña). A manifestación central decorreu na Coruña onde participaron José Antonio Gómez e Amelia Pérez, responsábeis destas organizacións. Ambos os dous aproveitaron a xornada para confirmar que para o 7 de maio teñen concertada unha entrevista co conselleiro de Emprego, José González. 

Desde a cidade herculina, o secretario xeral da UXT na Galiza, José Antonio Gómez, asegurou que o 1 de maio “é un día para falar de dereitos, de liberdades e para recuperar eses dereitos e liberdades”. Criticou que non haxa memoria “de todo o que fixemos desde hai seis anos tras os recortes pola crise financeira e dos gobernos do PP”. O líder sindical defendeu “unha reforma laboral que por primeira vez recuperaba dereitos” ademais de  “reducir a temporalidade en máis de nove puntos e mellorar o Salario Mínimo Interprofesional en máis de 53%”. Porén, Gómez evidenciou que “non abonda, seguimos a ter traballadores pobres e precarios”, como no caso dos coidados, “un sector que depende da Xunta, Administración española e Concellos”. Por último, arremeteu contra o que entende por “bulos” que pretenden “desinformar”. 

Desde CCOO tamén coincidiron en que no momento actual “non podemos ficar impasíbeis por máis tempo cando se poñen en cuestión os elementos máis básicos da convivencia”. Por este motivo, nesta xornada aclararon que “non imos consentir ningunha operación de derruba dos piares do sistema democrático”. Ademais, a secretaria xeral de CCOO na Galiza,Amelia Pérez, pediu que se aborden cuestións como os contratos a tempo parcial, por ser "un sector con alta feminización".

Alén diso, sinalou desde A Coruña que no contexto económico actual aínda "hai marxe para subir os salarios" das traballadoras e dos traballadores. Pérez  sinalou a importancia de "reducir a xornada nas empresas, algo que non é novo e xa están levando a cabo algunhas no noso país".  Neste caso, a líder sindical de CCOO  engade outras melloras "como a dos Salario Mínimo Interprofesional". 

Comentarios