Unha sentenza recoñece exceso de horas traballadas polos bombeiros de Vigo e obriga o Concello a compensalas

Acción simbólica de protesta dos bombeiros de Vigo, hoxe, na praza do Concello. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de aqruivo dunha acción simbólica de protesta dos bombeiros de Vigo, na praza do Concello. (Foto: Europa Press)

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga o Concello de Vigo a compensar o exceso de horas realizadas por un bombeiro debido ao 'solape' entre quendas, que supón 40 minutos de traballo adicional en cada quenda, e recoñece de facto que os bombeiros da cidade realizan ese exceso de xornada, porque esta situación afecta todo o persoal.

A resolución, do pasado 22 de abril, dá resposta a un recurso interposto por un funcionario deste servizo que, en marzo do ano pasado, presentou unha reclamación ante o Concello para solicitar que se lle compensase, ou ben pagándolle ou ben con descanso, ese exceso de xornada de 40 minutos diarios (25 minutos ao comezo da quenda e 15 minutos ao final, coincidentes cos cambios de quenda).

Ante a falta de resposta expresa por parte do Concello, o bombeiro presentou recurso contencioso administrativo e agora o xulgado recoñeceu que se produce ese exceso de xornada, e que eses 40 minutos adicionais deben considerarse tempo de traballo, polo que han de ser compensados.

No seu recurso, o funcionario sinala que os membros deste servizo deben iniciar as súas quendas en perfecto estado operativo, o que obriga a presentarse antes no posto de traballo para vestirse, recoller equipos, EPIs e documentación. Igualmente, ao finalizar a quenda, o persoal saínte debe informar o entrante das novidades, incidencias e instrucións do día; e ese tempo de 'solape' entre quendas supón 40 minutos.

O Concello alegou que non existen datos, nin nas nóminas e nin nas comunicacións, que demostren que este bombeiro fixo esas horas adicionais, mais o xulgado rexeita este argumento.

Así, na sentenza a xuíza expón que quedou acreditado que tanto este funcionario como os seus compañeiros "teñen a obriga de estar no parque de bombeiros 25 minutos antes do inicio da quenda para realizar unha serie de actos previos, preparatorios, necesarios coa fin de, ao iniciar a quenda, estar perfectamente uniformados, revisados EPIs, material e ferramentas; no caso dos condutores, os vehículos, é dicir, estar operativos, listos para acudir a calquera emerxencia; e o mesmo ocorre ao saír da quenda, que deben permanecer 15 minutos tras terminalo para dar información á quenda entrante sobre incidencias, instrucións da xornada". É dicir, "non se trata dun simple cambio de roupa".

Respecto diso, a maxistrada sinala que hai un comunicado oficial de 2012 do subxefe do servizo dirixido ao departamento municipal de Recursos Humanos, no que se informa da organización da xornada anual para 2013 e que xa recolle que, antes de dar a substitución, o persoal entrante deberá estar 25 minutos antes no parque e non abandonalo até 15 minutos despois do fin da quenda.

A isto súmase unha instrución de novembro de 2022 do xefe do servizo, que informou a un dos compañeiros do demandante da obrigación de 'fichar' a entrada e a saída, antes e despois, respectivamente, dos horarios oficiais.

O sindicato CUT (ao que pertence o demandante) celebrou esta sentenza, que "demostra que os bombeiros levan máis de 10 anos traballando horas en exceso sen que llas paguen".

Comentarios