En que cidades galegas aumentou máis a afiliación á Seguridade Social?

Os afiliados á Seguridade Social subiron en marzo nas sete cidades galegas
Operarias nunha carpinteiría industrial
photo_camera Operarias nunha carpinteiría industrial

Os afiliados á Seguridade Social subiron en marzo nas sete cidades galegas, con Ferrol á cabeza ao aumentar 3,1% interanual, cun total de 19.043 cotizantes.

Así figura na estatística que publica esta terza feira o Instituto Galego de Estatística (IGE) de afiliados en función do concello de residencia.

Os seguintes maiores aumentos interanuais rexístranos: Compostela (2,9%), cun total de 40.491 afiliados; A Coruña (2,8%), con 93.669; Lugo (2,8%), con 38.336; Ourense (2,5%), con 37.131; Pontevedra (2,1%), con 30.167, e Vigo (1,9%), con 110.787.

Todas soben tamén na comparativa entre marzo e febreiro, neste caso coa capital da Galiza coa maior repunta ao crecer as afiliacións 1,5% en Compostela, seguida de Ferrol (1,2%).

En marzo de 2024, as afiliacións á Seguridade Social rexistradas na Galiza eran 1.063.271, un 1% máis que o mes anterior e 2,1% máis respecto a marzo de 2023.

Se se contabiliza o número de persoas afiliadas, non as afiliacións (unha persoa pode ter máis de afiliacións), o dato é de 1.001.995 persoas en alta laboral en marzo, 0,9% máis que en febreiro e 1,9% máis que nun ano antes.

Por cada 100 afiliados na Galiza menores de 40 anos había 224 traballadores maiores desa idade. A Coruña, Ourense e Vigo presentan valores mellores que a media galega, mentres que o resto de cidades están por riba.

Comentarios