“En defensa do noso mar”: Centos de mariscadoras das Rías Baixas esixen medidas á Xunta ante a crise do sector

Catrocentas persoas, segundo as organizadoras, participaron esta terza feira en Pontevedra na manifestación convocada polas mariscadoras.
MARISQUEO GREENPEACE
photo_camera Mariscadoras na mobilización desta terza feira (Foto: Greenpeace)

Catrocentas persoas participaron esta terza feira en Pontevedra na manifestación convocada polas mariscadoras para esixir á Xunta da Galiza que poña en marcha medidas ante a crise do sector como consecuencia da gran mortaldade da ameixa e do berberecho desde o pasado mes de outubro e a falta de cría de moluscos.

Secundaron esta mobilización profesionais do marisqueo das rías de Pontevedra, Arousa e de Vigo, que se concentraron ás 10:30 hora ante o Edificio Administrativo da Xunta de Galiza en Campolongo, desde onde saíron en manifestación cara á Subdelegación do Goberno español na Galiza na praza de España, tras unha pancarta co lema En defensa do noso mar.

Nesta manifestación tamén participou o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado doutros concelleiros do goberno municipal do BNG, e do deputado Luis Bará.

Entre as reclamacións das manifestantes atópase a demanda dun plan de rexeneración e saneamento das rías e un plan de continxencias, que permita ter unha "cobertura fiábel fronte a incidencias de longo prazo" como a que están a vivir.

Esixen tamén unha "implicación real" por parte tanto do Goberno galego como do Executivo estatal e un "diálogo entre Administracións".

Outra das súas demandas é que se habiliten axudas "dignas, individuais e directas" para cando exista a imposibilidade de traballar ou os ingresos da actividade sexan mínimos por mor de incidencias de forza maior, e que estas axudas sexan compatíbeis coa realización de traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros.

Por último, reclaman que se paralice o pago das cotas da Seguridade Social mentres non haxa actividade marisqueira ou esta sexa escasa. As convocantes da marcha entregaron por rexistro estas reivindicacións ante a Xunta e tamén na Subdelegación para que se lle dea traslado ao Goberno estatal.

Tras esta manifestación de Pontevedra xa está convocado un novo acto de protesta que terá lugar en Ribeira (O Barbanza) o día 13 de maio ás 12.30 horas.

Comentarios