O comité cifra en 100% o seguimento dos paros en Zara Loxística contra a modificación unilateral dos calendarios laborais

O comité denuncia que, por primeira vez en 20 anos, Inditex incumpre co pactado en acordo.

cig inditex arteixo
photo_camera Imaxe dun dos paros (Foto: Nós Diario)

Os traballadores e as traballadoras do centro loxístico de Zara en Sabón (Arteixo, comarca da Coruña) están secundando esta terza feira paros laborais dunha hora por quenda de traballo en rexeitamento á modificación e ao empeoramento dos calendarios laborais.

Para informar do conflito, o comité ofreceu unha rolda de prensa na que denunciaron que, por primeira vez en 20 anos, Inditex incumpre co pactado en acordo, decidindo facer un peche patronal o día 1 de maio (que sempre foi laborábel neste centro de traballo) que suporá modificar os descansos semanais, o sistema de libranzas e as vacacións do persoal afectado.

"Non podemos permitir este ataque directo a un piar fundamental dos nosos dereitos, como os calendarios laborais, que nos custou moitos anos conseguir", alertou Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña e delegado en Zara Loxística.

Denunciou que atrás desta modificación está a paulatina derivación de carga de traballo a outras plataformas loxísticas do grupo e incluso a subcontratas nas que as condicións laborais son moi inferiores.

A perda paulatina de traballo, engadiu Pérez, ten provocado que nin sequera se estean a facer contratacións temporais, ao que hai que sumarlle a falta de investimentos no almacén loxístico de Arteixo. "Agora, a seguinte fase desta política de derivación é laminar os nosos dereitos", alertou.

Neste contexto, denuncian que a empresa impuxo un peche patronal o 1 de maio que obrigará a mover os calendarios de todo o persoal afectado -arredor dunhas 700 persoas do total de 1.300 traballadores e traballadoras que ten o almacén de Sabón-, tendo que recuperarse a xornada en datas nas que incluso está pactado que non se poden meter días.

Para resolver a situación, o comité o solicitou unha mediación no AGA, que rematou sen avances “porque Inditex se limitou a confirmar que non ía mudar a súa decisión”.

A este respecto, na rolda de prensa, os representantes do comité subliñaron que esta é a primeira vez en 20 anos que Zara Loxística incumpre o pactado nun acordo regulador das condicións de traballo e faino ademais, "sen ningún tipo de fundamento e cunha clara animadversión" cara ao seu persoal.

Así as cousas, o comité acordou convocar estes primeiros paros de unha hora por cada unha das quendas de traballo (das 00 ás 01 horas; das 11 ás 12 horas; e pola tarde será das 17 ás 18 horas) e realizar concentracións en defensa das condicións laborais.

“O seguimento dos paros da noite da mañá foi doe 100%, xa que incluso secundou a folga parcial aquel persoal que non directamente afectado pola decisión da empresa”.

Ademais con esta xornada de loita tamén queren exixirlle a Inditex unha aposta clara pola continuidade e a mellora da plataforma loxística de Sabón, realizando os investimentos precisos e dotándoo de carga de traballo.

Comentarios