Un home faleceu na tarde desta terza feira no municipio de Ribeira (O Barbanza) ao resultar esmagado polo tractor que manexaba nun predio do lugar de Salmón.
O sinistro produciuse ás 13.50 horas desta terza feira no lugar pertencente á parroquia de Oleiros, segundo trasladou o Centro Integral de Atención ás Emerxencias 112 Galiza.
Tras recibir a voz de alarma a través dunha chamada telefónica, o 112 activou un dispositivo que implicou a mobilización do helicóptero de Urxencias Sanitarias 061, desprazado até o lugar mais que non puido facer nada pola vida do falecido.
Colaboración da veciñanza
A vítima quedou atrapada baixo o vehículo agrícola e foi necesaria a intervención da veciñanza para poder liberalo, polo que non foi necesaria a intervención dos bombeiros de Boiro (O Barbanza).