A celulosa de Altri para Palas de Rei recibe ao redor de 20.000 alegacións de entidades sociais e de veciñanza. Entre elas, das da APDR, que esta quinta feira presentou publicamente en Pontevedra o contido das mesmas, nas que advirte do impacto económico, social e ambiental deste proxecto para a comarca da Ulloa.
Ás alegacións distribúense en cinco grupos principais en relación ao impacto que a APDR considera que va ter sobre o tecido socioeconómico, a bacía hidrográfica e a calidade das augas; o medio ambiente; as afectacións ao patrimonio cultura e a paisaxe ou mesmo a respecto das "deontoloxía" coa que a Xunta da Galiza estabelece os plans industriais estratéxicos (PIE).
Esa celulosa de Altri "suporá a desaparición de moitas empresas" relacionadas co sector primario e "diminuirá o valor das terras"; provocando "un desprazamento da poboación, maior do que asegura atraer, coa subsecuente perda de ingresos na comarca, como sucedeu na contorna de Ence, na parroquia pontevedresa de Lourizán".
Ademais, será un facto de "eucaliptización"do monte galego ao tempo que "desvertebrará as comarcas afectadas", sostén a asociación.
O impacto sobre fauna e flora ("a fábrica localizarase nun dos hábitats máis interesantes e raros da Galiza"), a ameaza ao "patrimonio cultural e á paisaxe" ou as súas consecuencias sobre a calidade das augas do río Ulla e ría de Arousa figuran tamén contempladas nas alegacións do colectivo. "Pedimos que se arquive o expediente", conclúen no escrito remitido á Consellaría de Economía e Industria.
Ence
A Asociación pola Defensa da Ría tamén anunciou esta quinta feira que presentará alegacións ao proxecto sectorial de incidencia municipal (PSIS) de Ence por "aumento do impacto visual, a contaminación do aire e o consumo de auga" da fábrica".
O presidente da APDR, Antón Masa, afirmou que, ao seu xuízo, estamos perante unha "unha ampliación da fábrica pura e dura" coa que "todo serán impactos negativos".
A APDR destaca que no propio documento de Ence exponse que "esperan non pasar de 14 millóns de metros cúbicos de auga anuais" e indican que tamén aumentará o número de camións que se movan ao redor da factoría de Lourizán. Ademais, a propia empresa recoñece, sostivo Antón Masa, que o cheiro "será inevitábel que aumente" ao incrementar a emisión de gases.
Igualmente, o impacto paisaxístico será "moi superior á actual" cun incremento da superficie edificada dentro do recinto de 65.500 a 73.500 metros cadrados, coa instalación dunha nova caldeira.
Por último, alega que a aprobación do PSIS de Ence debería paralizarse até que non finalice a "problemática xudicial" pendente dunha última resolución do Supremo a sobre a prórroga á pasteira até 2073 concedida polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi en 2016.