Pontón urxe o Goberno español a derrogar as reformas que "roubaron dereitos" aos traballadores e traballadoras

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na mobilización da CIG en Vigo polo Primeiro de maio.

Ana Pontón e representantes do BNG na mobilización do 1 de maio en Vigo
photo_camera Ana Pontón e representantes do BNG na mobilización do 1 de maio en Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu esta cuarta feira ao Goberno de España a que tome medidas para derrogar as reformas laborais "lesivas" que seguen vixentes "8 anos despois" de que o PP deixase o Executivo, e que "roubaron dereitos" aos traballadores.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de participar na manifestación convocada pola CIG en Vigo con motivo do 1 de Maio, e na que estivo acompañada, entre outros, pola candidata nacionalista ás eleccións europeas, Ana Miranda, e o portavoz nacionalista no Concello vigués, Xabier P. Igrexas.

Pontón subliñou que este Primeiro de maio é unha data para "reivindicar" os dereitos da clase traballadora, e que poida ter salarios dignos que lles permitan chegar a final de meses e "poder soñar" con algo tan básico como o acceso a unha vivenda.

Respecto diso, destacou que a actual "crise de prezos" supón, unha vez máis, que sexan os traballadores os que asuman as consecuencias, como xa ocorreu anteriormente, por exemplo, na denominada 'crise do ladrillo'.

Neste contexto, Ana Pontón reclamou aos gobernos "alternativas e decisións políticas que permitan mellorar a vida das persoas". Segundo incidiu, 8 anos despois de que o PP deixase de gobernar no Estado, "segue vixente parte das súas reformas laborais lesivas", polo que pediu derrogar todas esas reformas "que roubaron dereitos aos traballadores".

"Esta medida non só vai mellorar a vida das persoas, senón que permite frear a degradación que introducen a dereita e a extrema dereita", subliñou a portavoz nacional do BNG, que insistiu en que, para "reducir espazo" a esa dereita, unha das medidas que debe impulsarse é "unha axenda social potente".

Ana Pontón lamentou que "o certo é que a día de hoxe moitos traballadores e traballadoras ven como os gobernos non lles dan resposta ante unha realidade que nas súas vidas é moi dura". Nese sentido criticou a falta de "alternativas" dunha Xunta da Galiza que "non ten proxecto" nin política industrial, e que "está precarizando" as condicións de traballo, e provocando que moitos mozos sigan "collendo a maleta para emigrar".

Segundo remarcou, "lamentabelmente" na Galiza 34 % dos traballadores e traballadoras cobran un soldo por baixo do Salario Mínimo Interprofesional, e 60 % dos asalariados teñen ingresos inferiores ao salario medio, que está por baixo da media estatal. A isto súmanse que "crece a contratación a tempo parcial, sobre todo en mulleres".

Ante este escenario, Ana Pontón sinalou que os galegos "nos xogamos moito" nas próximas eleccións europeas de xuño, porque están en xogo "os dereitos dos traballadores, o futuro de Galiza e o futuro da sociedade".

Comentarios