The dark side of the moon: A China lanza a súa misión cara á cara oculta da lúa

Se a misión ten éxito, a China converterase no primeiro Estado na historia en lograr traer de volta á Terra mostras da cara oculta da Lúa.
Imaxe simulada que mostra a sonda Chang'e-6 (Foto: VCG vía Europa Press).
photo_camera Imaxe simulada que mostra a sonda Chang'e-6 (Foto: VCG vía Europa Press).

A China lanzou esta sexta feira o foguete portador Gran Marcha 5 Y8 desde a plataforma de despegue do Centro de Lanzamento Espacial de Wenchang, na illa meridional de Hainan. O vehículo transporta a sonda Chang'e-6 á cara oculta da Lúa.

A misión non tripulada, denominada Chang'e-6 (en honra á deusa chinesa da Lúa), ten como finalidade traer de volta á Terra mostras da parte do satélite natural que non se pode observar desde o noso planeta e que tanta mística ten producido entre a humanidade, como é reflexo un dos álbums máis vendidos da historia da música, o Dark side of the moon, dos Pink Floyd.

Se a misión ten éxito, a China converterase no primeiro Estado na historia en lograr tal fazaña. O equipo científico espera que a recuperación de material ao lado oculto da Lúa, apenas explorado, proporcione valiosa información sobre a orixe e a evolución do sistema Terra-Lúa.

Chang'e 6 forma parte da cuarta fase do programa de exploración lunar chinés. Segundo medios estatais, do mesmo modo que a súa predecesora (Chang'e 5), estará conformada por un orbitador e un módulo de aterraxe, así como por un módulo de ascenso e outro de reentrada.

Proceso operativo

O proceso operativo da Chang'e 6 comezará unha vez que alcance a órbita lunar. Nese momento, os seus catro compoñentes deberán separarse en dúas partes: o orbitador e o módulo de reentrada permanecerán na órbita, mentres que o módulo de aterraxe e de ascenso descenderán suavemente na zona sur do cráter Apolo, situado na cara oculta da Lúa.

Unha vez que conclúan as operacións na superficie, que inclúen a recolección de rocas e solo lunar, o módulo de ascenso elevarase para axustarse co módulo de reentrada. Finalmente, levarase a cabo o retorno á Terra das mostras colleitadas. Estímase que esas mostras consistirán nuns 2.000 gramos de material, superando os 1.731 que recuperou a Chang'e 5.

Comentarios