VÍDEO | Así é o campamento en solidariedade co pobo palestino da Universidade de California onde foron detidas 200 persoas

O núcleo de protesta está na Universidade de California, en Berkeley, onde unha multitude de estudantes piden que Israel remate co xenocidio ao pobo palestino e que a Administración dos EUA retire o seu apoio aos ataques sobre Gaza.
A Policía reprimiu as protestas na Universidade de California (Foto: Gene Blevins / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press).
photo_camera A Policía reprimiu as protestas na Universidade de California (Foto: Gene Blevins / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press).

Máis de 2.200 persoas foron detidas no marco das protestas pro palestinas que se viñeron rexistrando durante as últimas dúas semanas nos campus de numerosas universidades dos Estados Unidos en solidariedade co pobo palestino.

Un dos principais focos de reivindicación é o Campamento Palestina Libre! O núcleo de protesta está na Universidade de California, en Berkeley, onde unha multitude de estudantes piden que Israel remate co xenocidio ao pobo palestino e que a Administración dos EUA retire o seu apoio aos ataques sobre Gaza.

Tan só na quinta feira, ao redor de 200 persoas foron arrestadas durante o intento de desmantelamento do campamento levantado por manifestantes no complexo da Universidade de California para amosar o seu rexeitamento ás políticas do Goberno de Israel e exixir ás institución educativas retirar os vínculos con calquera empresa que apoie a ofensiva de Israel sobre a Faixa de Gaza.

Universidade de Columbia

“Onte contra o masacre do pobo vietnamita, hoxe contra o xenocidio do pobo palestino”. A pintada na Universidade de Columbia (Nova York, Estados Unidos de América) tecía un fío entre as protestas universitarias que se produciron nese campus na década dos 60 e 70 e as de agora.

Esta mesma semana, ducias de axentes de Policía equipados con escudos antidisturbios irromperon no edificio ocupado na Universidade de Columbia por manifestantes e detiveron decenas de persoas solidarias con Palestina noutro intento por acabar coa onda de solidariedade estudantil co pobo palestino que está a vivir nos Estados Unidos de América, que tamén está tendo eco noutros lugares do mundo.

Comentarios