As remesas das migrantes superan os investimentos estranxeiros directos a nivel global

Máis de 770.000 millóns de euros en 2022

Persoas migrantes nun campamento improvisado en Tunisia. (Foto: Khaled Nasraoui / DPA)
photo_camera Persoas migrantes nun campamento improvisado en Tunisia. (Foto: Khaled Nasraoui / DPA vía Europa Press)

A Organización Internacional para as Migracións (OIM) revelou a terza feira que as remesas internacionais enviadas polas 218 millóns de persoas migrantes no mundo alcanzaron en 2022 os 772.000 millóns de euros, tras un incremento de 650% desde o 2000.

Tres cuartas partes foron enviadas a Estados de ingresos medios e baixos, e o total das remesas supera a nivel global a cifra de investimentos estranxeiros directos. Estes cartos “poden chegar a conformar unha porción moi significativa do produto interior bruto deses países”, subliña a entidade da Organización das Nacións Unidas (ONU).

A OIM ratificou que a “meirande parte da migración é regular, segura e enfocada rexionalmente, directamente vinculada ás oportunidades e aos medios de subsistencia”, advertindo en paralelo que xa hai 117 millóns de persoas desprazadas á forza no planeta.

Tamén fixo énfase en que a “información errónea e a politización da temática enturbou o discurso público” ao respecto, salientando que iso require unha "descrición clara e precisa" desta dinámica.

Comentarios