Morre aos 77 anos o escritor estadounidense Paul Auster

O narrador faleceu de cancro en Nova York tras uns anos marcados pola traxedia da morte da súa neta e o seu fillo.

EuropaPress_3940764_paul_auster_adentra_vida_obra_escritor_stephen_crane_quiero_sacarlo_sombras
photo_camera Paul Auster (Foto: Nós Diario)

O escritor Paul Auster faleceu aos 77 anos de cancro esta terza feira 30 de abril. A noticia sobre a súa morte foi dada a coñecer polos seus amigos á prensa de Nova York. Poeta, ensaísta, guionista, autor de máis de trinta novelas, foi un dos maiores expoñentes da literatura estadounidense contemporánea.

En varias ocasións a súa compañeira, a tamén escritora, Siri Hustevdt falou desa Canceralandia onde a familia Auster habitou os últimos meses. A través dunha publicación en Instagram, a novelista deu a noticia da enfermidade de Paul e relatou o duro que era estar a vivir a experiencia de ter a alguén próximo padecendo a enfermidade.

Newark, Nova Jersey, barrio acubillo de miles de galegos que emigraron a Estados Unidos, viu nacer a Paul Auster en 1947. A súa familia xudía de orixe polaca atopou resgardo en Estados Unidos ante a ameaza do nazismo.

Moitos anos despois, en Brooklyn, Nova York, naceu o primeiro éxito de Auster: Cidade de cristal, en 1986. A Triloxía de Nova York (1987), a súa compilación de novelas de historias experimentais de detectives e escritores, foi a que catapultou o seu nome despois de publicar a súa primeira novela, Xogada de presión (1976) que, foi publicada baixo o pseudónimo de Paul Benjamin.

A súa obra empapouse de existencialismo, do Eu, do azar en novelas como O palacio da lúa (1989), Leviatán (1992), Tombuctú (1999), O libro das ilusións (2002)...

O autor, membro da Academia Estadounidense de Artes e Letras desde 2006 e da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias desde 2003, non só foi condecorado no seu país senón tamén en Europa (onde a súa obra foi mesmo máis recoñecida).

Moitos dos seus libros están traducidos ao galego, na editorial Galaxia

Comentarios