A 'Flotilla da Liberdade' non logra saír do porto

Crónica desde Istambul para 'Nós Diario' de Elena Buch, fotoxornalista na 'Flotilla da Liberdade'. Prevista, primeiro, para o 24 de abril; aprazada logo para a pasada sexta feira, 26 de abril. Con todo, finalmente, a saída da Freedom Flotilla Coallition (FFC) desde o porto de Istambul (Turquía) non terá lugar. Unha decisión que relacionan con presións exercidas por parte do Estado sionista de Israel sobre Guinea Bissau, pavillón dos tres barcos da misión. 
Participantes da Flotilla na súa despedida (Foto: Elena Buch).
photo_camera Participantes da Flotilla na súa despedida (Foto: Elena Buch).

"Así como a vida xurdiu do mar, a liberdade tamén virá do mar", declaracións coma esta puidéronse escoitar nas xuntanzas que a Freedom Flotilla Coallition (FFC) mantivo todos os días da última semana para informar e organizarse coas persoas participantes e cos medios. Tras múltiples atrasos, finalmente, a coalición anunciou a posposición desta misión que ía levar por mar máis de 5.500 toneladas de produtos de axuda humanitaria a Gaza. A Flotilla da Liberdade tiña todo preparado para levar áncoras desde o porto de Istambul (Turquía) o pasado 24 de abril. Os atrasos neste tipo de misións son habituais, por diferentes motivos. Esta Flotilla xa se enfrontou a varios, por motivos técnicos, mecánicos e administrativos. Sospéitase que o Goberno turco recibiu presións por parte doutros gobernos, á súa vez, para non dar a pertinente autorización para que saian ao mar os barcos.

A Misión foi desconvocada,  mais as súas integrantes móstranse "listas para reincorporarse"

No porto agardan, xa listos, tres barcos, un deles cargueiro –que porta nas súas bodegas esas 5.500 toneladas de axuda humanitaria– cuxo destino é a asediada poboación de Gaza, famenta e masacrada nun xenocidio de cifras arrepiante.

Protesta de apoio a Palestina en Istambul (Foto: Elena Buch).
Protesta de apoio a Palestina en Istambul (Foto: Elena Buch).

Seis meses nos que as persoas, para as que a vida xa era difícil, por estar sometidas a un ilegal bloqueo, desde 2007, pasaron a ser cifras; imaxes do horror, susceptíbeis de se converter no scroll frío e impasíbel que as levará ao esquecemento dunha sociedade que mira cara outro lado.

Para moitas das tripulantes da Flotilla a dor que senten –xa desde antes de outubro de 2023– é tan profunda, que apenas dan crédito aos niveis de tolerancia que estamos manexando, e as posíbeis consecuencias e trocos que isto pode supor nun futuro próximo a nivel mundial.

Estes temas perduran nas conversas que as participantes da Flotilla manteñen, de forma continuada. Están aquí polo seu compromiso co pobo Palestino, e confianza na solidariedade entre os pobos, que as leva a este exercicio de internacionalismo.

Anne Wright, ex coronel da Marina dos Estados Unidos de América, e cabeza da FFC (Foto: Elena Buch).
Anne Wright, ex coronel da Marina dos Estados Unidos de América, e cabeza da FFC (Foto: Elena Buch).

Na Flotilla hai unha ampla representación internacional: Xordania, Malasia, EUA, Brasil, Nova Zelanda, Palestina, Estado español... Palestinas refuxiadas noutros países, fillas de Palestinas refuxiadas noutra terra... Son activistas que loitan en favor dos dereitos humanos, avogadas, xornalistas... Todas estas persoas coñecen os riscos de participar nesta misión; todas teñen quen as agarda na casa, e todas despedíronse dun xeito diferente do que fixeron outras veces. 

O monstro das forzas de ocupación do Estado sionista de Israel sempre está presente. Na formación que as participantes da Flotilla reciben, sobre resistencia directa non violenta, avánzase a información de que un posíbel asalto aos barcos que navegaran rumbo a Gaza sería perpetrado pola Unidade Sayetet 13, que asolou o Hospital Al Shifa. "Palestina somos todas", corean reiteradamente as participantes, mais o cansazo e o desánimo nótanse cada vez máis co paso dos días.

Volver á casa

Finalmente, a sexta feira 26 de abril Ann Wright, ex coronel da Marina, e cabeza de FFC, desconvocou esta misión, e solicitou ás participantes que volvan aos seus fogares. Tras as primeiras horas de decepción e tristura, comezaron a escoitarse as mensaxes buscando o lado positivo. "Rompeuse o bloqueo informativo, vólvese falar de Gaza", afirma Josefa 'Pepi' García, presidenta da sección sindical e da loita das camareiras de piso de Málaga. Na rolda de prensa impartida pola delegación do Estado español –unha das máis numerosas da tripulación, con 23 participantes, con representantes da Galiza, Catalunya, Euskadi, Andalucía e Madrid– relaciónase o esforzo que a Flotilla exerceu para visibilizar esta misión, coas protestas que estes días decorren en diversas universidades dos EUA en apoio ao pobo Palestino, evidenciando e denunciando a "vergoña histórica" e a permisibilidade cara ao Estado de Israel.

Con todo, integrantes da delegación do Estado mostráronse esperanzadas. "A flotilla sairá, e nese momento estaremos listas parar reincorporarnos". "Estamos listas para levar áncoras. Non se fixo o 26 de abril por presións políticas, de Israel, Alemaña, Turquía, EUA, Francia...". 

'Pepi' Josefa García, malagueña, foi líder sindical desde os 14 anos. Naceu en Marrocos e ten grandes vínculos en Palestina (Foto: Elena Buch).
'Pepi' Josefa García, malagueña, foi líder sindical desde os 14 anos. Naceu en Marrocos e ten grandes vínculos en Palestina (Foto: Elena Buch).

Estas presións materializáronse, temporalmente, para a organización da Coalición de Flotillas para a Liberdade, na retirada da obrigatoria bandeira dos buque. Nun xogo de conveniencias, que vai trocando a medida que o mundo cambia, e os seus representantes políticos xúntanse en despachos. Neste caso, as bandeiras eran de Guinea Bissau. E a súa retirada debeuse a presións de Israel sobre o país africano, sinala a FFC.


Navegaremos!

Ada Colau, ex alcaldesa de Barcelona, participante da FFC, 
e representante política na misión (Foto: Elena Buch).
Ada Colau, ex alcaldesa de Barcelona, participante da FFC, e representante política na misión (Foto: Elena Buch).

"We will sail! Navegaremos!" é o lema da misión e a mensaxe que a Coalición da Flotilla da Liberdade quere lanzar ao mundo. As trabas burocráticas non poderán parar as súas misións. As súas integrantes solicitan responsabilidades gobernamentais que recoñezan e apoien o pobo palestino. Demandan, ademais, que se abra "canto antes" un corredor humanitario, e que este non estea "baixo control das forzas de ocupación do Estado sionista de Israel".

Comentarios