O Exército israelí ordena o traslado de 100.000 palestinos de Rafah

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu que unha ofensiva terrestre alí sería un "baño de sangue"

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitando as súas tropas no norte de Gaza. (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA)
photo_camera O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, visitando as súas tropas nunha imaxe de arquivo (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA)

O Exército israelí ordenou os palestinos e palestinas que comecen a marchar do leste de Rafah, segundo un comunicado das Forzas de Defensa israelís desta segunda feira, no que todo apunta a un sinal de que unha invasión terrestre é inminente.

Pediuse á poboación que se trasladase a Al Mawasi, unha zona declarada “humanitaria” por Israel perto da costa. Segundo as tropas israelís trátase dunha evacuación temporal dos barrios orientais de Rafah.

"Un chamamento urxente a todos os residentes e desprazados na zona da Shuka e nos barrios de Salam, Jeneina, Tabbat Ziraa e Byuk na cidade de Rafá: as Forzas de Defensa de Israel (FDI) usarán unha forza extrema contra as organizacións terroristas nas zonas onde residen, como o fixeron até o de agora. Calquera que estea perto de organizacións terroristas pon a súa vida e a da súa familia en perigo", publicou o portavoz en árabe do Exército de Israel, na súa conta da rede social X.

Ao tempo, Israel volve bombardear Rafah e matou no mínimo 20 palestinos, oito deles nenos

Ademais, tanques israelís rodearon a fronteira con Gaza xerando temores ante a inminente ofensiva en Rafah. O primeiro ministro, Benjamin Netanyahu xa anunciou nestes días que a invasión de Rafah estaba na axenda do Goberno.

"Hoxe enfrontámonos novamente a inimigos empeñados na nosa destrución. Dígolles aos líderes do mundo que ningunha presión nin decisión de ningún foro internacional impedirá que Israel se defenda", declarou o primeiro ministro israelí.

En Rafah atópanse amoreados perto de 1,4 millóns de civís palestinos, máis da metade da poboación de Gaza, que se trasladou á cidade fuxindo dos combates noutras partes da faixa cando o Exército israelí declarouna “zona segura”.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu a principios desta semana que unha ofensiva terrestre alí sería un "baño de sangue".

Comentarios