O Consello de Transición de Haití designa novo presidente para tratar de superar a crise de seguridade

O primeiro ministro será Fritz Bélizaire.
Reunión a segunda feira do Consello de Transición coa Policía. (Foto: Policía Nacional de Haití)
photo_camera Reunión a segunda feira do Consello de Transición coa Policía. (Foto: Policía Nacional de Haití)

O Consello de Transición de Haití, que substituíu o primeiro ministro Ariel Henry, que se fixo co poder tras o asasinato en 2021 do presidente Jovenel Moïse, nomeou a terza feira o ex candidato presidencial Edgard Leblanc Fils como novo mandatario. Ao tempo, designou como primeiro ministro Fritz Bélizaire, que se desempeñara como titular de Deportes entre 2006 e 2011.

24 horas antes, o Consello reuniuse coas forzas de seguridade e co Exército para abordar a crise de seguridade que padece o país, intensificada ao lanzar as bandas criminais unha ofensiva a finais de febreiro na que foron queimadas comisarías de Policía, asaltadas as dúas prisións máis grandes do país e atacado o principal aeroporto internacional, que continúa fechado.

Amais de desenvolver un proceso electoral que devolva o poder a persoas electas pola poboación, unha das principais misións do Consello é xestionar a despregadura avalada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) dunha forza internacional para combater os grupos armados, que teñen o control da maioría do territorio da capital, Porto Príncipe.

Comentarios