O prezo que se paga polo leite ás explotacións galegas continúa á cola do Estado e por baixo dos 50 céntimos

En marzo fecharon 31 explotacións.
Vacas de leite nunha explotación en Macedo, Friol (comarca de Lugo), o pasado mes de febreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas de leite nunha explotación en Macedo, Friol (comarca de Lugo) (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O prezo do leite que se paga a produtores galegos mantense en marzo nos 49 céntimos por litro, mesma cifra que en febreiro, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

Deste modo, a Galiza segue á cola do Estadocomo única comunidade peninsular onde se paga menos de 50 céntimos por litro. Supoñen dous céntimos menos que a media de 51,1 céntimos do Estado (baixa respecto dos 51,5 céntimos de febreiro).

Contrasta o dato galego cos catro céntimos máis que se paga aos gandeiros e gandeiras asturianas, cun valor medio de 53,9 céntimos por litro, prezo máis elevado da península.

Igualmente, continúa a perda de explotacións que realizan entregas de leite na Galiza e quedan en 5.558, 31 menos que en febreiro.

A produción en marzo alcanzou as 264.861 toneladas, o que supón un repunte respecto en case 20.000 toneladas fronte ao mes anterior.

A situación de caída nas contías que perciben as explotacións galegas por cada litro de leite non ten visos de mellorar, pois os sindicatos e as gandarías consultadas en marzo por Nós Diario verificaron unha baixada xeneralizada dos prezos que vai dos dous aos cinco céntimos segundo as empresas que o recollen.

En dez anos, 3.000 explotacións gandeiras de produción de leite menos. Esta é a previsión que manexa a industria láctea galega para a vindeira década, unha desaparición progresiva de granxas que, porén, apuntan, non afectaría á produción.

A previsión expúxose por representantes da industria no II Foro Empresarial Lácteo Retos das ganderías de leite no horizonte 2030, que decorreu hai unhas semanas en Coristanco, na comarca de Bergantiños e que recollía Campo Galego: entre 2.500 e 3.000 explotacións menos, mais as que fiquen serán máis eficientes e con maior capacidade produtiva.

Comentarios