Análise

Empresa pública de enerxía e partidos políticos

Colectivo Bidán: Quico da Silva e Fernando Branco.
Varias vacas no parque eólico de Vilachá, entre os concellos de Ourol e Muras, entre A Mariña e a Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Varias vacas no parque eólico de Vilachá, entre os concellos de Ourol e Muras, entre A Mariña e a Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Hai tempo, noutro artigo de opinión, dicíamos que "se algo precisa Galiza no sector eléctrico é dunha dirección política con visión real de país, que cree unha empresa pública de enerxía, avance na necesaria implantación de enerxías renovábeis, e que isto leve aparellada a creación de industrias e tecnoloxía ligadas ao propio sector, para que en definitiva poña os nosos recursos ao servizo do pobo galego".

Unha afirmación para trasladar o que acontece en moitos países, con gobernos de diferentes tendencias, xa que segundo a OCDE, 32 das 50 máis grandes empresas do sector eléctrico internacional teñen participación pública (Noruega, Suecia, Austria, Dinamarca, Suíza, Finlandia, Nova Zelandia, Islandia, Francia, Italia, Canadá...). O Estado español é singular, xa que tivo unha empresa pública de electricidade, privatizada polo PSOE e polo PP, e que de novo é pública, pero italiana, sen asunción de responsabilidade política algunha a día de hoxe.

Cambios no discurso

A realidade sobre a necesidade da planificación e participación pública no sector enerxético vaise impoñendo no ámbito das comunidades autónomas, cando menos no que ten a ver coa electricidade, se ben con diferentes modelos e velocidades. Dende a arquitectura de participación pública da lexislación en Euskadi, co Ente Vasco da Enerxía e o seu amplo espectro de empresas enerxéticas participadas, até L'Energètica, empresa pública de Catalunya de máis recente creación, pasando polos primeiros rescates para o público de concesións hidroeléctricas e o Decreto-lei de Aragón para promover o kWh de quilómetro 0, ou mesmo os proxectos de xeración renovábel con participación local e a instalación fotovoltaica pública na cobertura dunha canle de máis de 170 km en Nafarroa. Por iso, non sorprendeu ver na pasada campaña electoral galega un cambio no discurso das forzas políticas estatais.

O PP, ao impulsar a empresa Recursos de Galicia, mesmo antes da aprobación da lei que sustenta a súa creación. Mais non estamos diante dunha empresa pública, realmente é un sucedáneo, como evidencia o mesmo texto do anteproxecto ao afirmar que a participación pública será temporal e minoritaria. Logo non deixa de ser unha proposta descafeinada, unha UTE, que o PP usa como pantalla de simple propaganda, coa que as empresas privadas (varias con participación pública doutros Estados) queren planificar, na práctica, o sector eléctrico no noso país, limitándose a Xunta, como unha xestoría, a darlles cobertura e modificar a lexislación.

No PSOE, o cambio de persoas tamén modificou o discurso entre o que foi o seu candidato á Xunta e quen era secretario xeral galego, que sempre actuou como un lobbista das empresas eléctricas, moi combativo contra o Decreto Eólico do BNG, rexeitando a necesidade de concretar o beneficio social da actividade eléctrica; porén, no seu programa electoral, o PSOE propuxo a creación dunha sociedade pública de xestión das enerxías renovábeis, mais sen precisar como se ía beneficiar o país, mesmo rexeitou a posibilidade dunha Tarifa Eléctrica Galega. É dicir, unha proposta de cara á galería, sen impulso político algún.

Axenda propia

O BNG reafirmouse na creación dunha empresa pública de enerxías renovábeis e tamén na Tarifa Eléctrica Galega, reiteradas en abril mediante senllas Proposicións de Lei no Parlamento. Aínda cos obxectivos propositivos claros, o resultado das eleccións galegas obriga o BNG a maior concreción nunha política enerxética programática, fundamentada e realista, que afronte os urxentes problemas da dependencia e da seguridade de subministro, e, tamén, da modesta achega galega ao cambio climático; as recoñecidas limitacións de competencias non impiden definir unha estratexia enerxética homoxénea alí onde se goberna. Muras non pode continuar a ser a excepción, mesmo estatal, na necesaria política social da enerxía.

Muras non pode continuar a ser a excepción, mesmo estatal, na necesaria política social da enerxía

Os escasos pasos do PP e do PSOE non son escusa para avanzar máis, débese descarbonizar a economía (e isto non é só electrificar), e o nacionalismo galego debera ter unha axenda propia, sen demora, en todos os sectores e ámbitos administrativos. 

Non é admisíbel que a Deputación de Cáceres, gobernada polo PSOE, teña propostas sobre o retorno dos beneficios da xeración eléctrica e, pola contra, as da Coruña e Lugo, cogobernadas polo BNG, non posúan unha demanda semellante.

Non debera o nacionalismo deixar que os seus "marcos" os defina o PSOE, como afirmou en campaña electoral o presidente da Deputación da Coruña que, naquel momento, tamén era o secretario xeral do PSOE galego.

Comentarios