A ampliación da balsa de lodos de Alcoa fica pendente de máis documentación e da súa caracterización como residuo perigoso

A ampliación do depósito de lodos vermellos (DBR) suporía aumentar a cota de 100 a 104 (catro metros máis).
Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A ampliación da balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña) está pendente de que a empresa achegue máis documentación á Xunta da Galiza para as súas autorizacións, así como da súa caracterización como residuo perigoso.

Diso informa o comité de empresa tras unha reunión técnica sobre a situación da ampliación do depósito de lodos vermellos (DBR) desde cota 100 a 104 (catro metros máis), un encontro convocado pola Xunta a pedimento dos representantes do persoal.

Así, o comité expón que a Xunta lles trasladou que Alcoa só enviou seis dos 21 parámetros de análises requiridos, o que non era representativo. A semana pasada, a compañía remitiu un escrito para rebater as alegacións do organismo de saúde pública, no cal comunica que entende que o seu informe cumpre cos parámetros.

De tal forma, necesítase facer a caracterización do produto no DBR, xa que "o produto á saída da fábrica xa sae como residuo perigoso", indica o comité. Ante isto, segundo o que traslada o comité, Alcoa mostrou o seu interese en que se leve adiante a ampliación da balsa de lodos, aínda que advirte de que realizar o estudo tal como se lle pide pode levar de catro a cinco meses e necesita esa aprobación canto antes.

Prazo máximo de tres semanas

Por iso, o comité informa de que Alcoa prevé dar unha resposta nun prazo máximo de tres semanas sobre se vai seguir adiante co proxecto coa caracterización do produto como perigoso ou vai esperar a realizar as análises para ver cal é a caracterización. Despois do proceso de saúde pública, aínda faltaría a Declaración de Impacto Ambiental (DÍA). Así, haberá unha futura mesa técnica para abordar os pasos a seguir.

Comentarios